O goberno municipal habilita o servizo de portelo único no concello

Nigrán conta desde hoxe mesmo co portelo único no propio concello, “un novo servizo que permitirá aos veciños de Nigrán realizar calquera trámite con outras administracións sen necesidade de desprazarse a outros municipios veciños”, sinala alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, que engade que é un compromiso político adquirido e cumprido.

A oficina habilitarase no propio Rexistro Municipal, na planta baixa do concello, e permanecerá aberta ao público en horario de 9.00 a 14.00 horas. “A apertura do portelo único en Nigrán simplificará e axilizará a realización de diversos trámites aos veciños ante outras administracións, evitando que sufran as consecuencias da dispersión espacial imposta pola estrutura das diferentes administracións e a complexo organigrama de cada unha delas”, observa Valverde.

Simplificar e facilitar a realización de trámites e outras xestións aos veciños de Nigrán é un dos obxectivos que se impón o equipo de goberno no seu día, ”polo que a posta en marcha deste servizo é unha magnífica noticia para os nosos veciños”, apunta.

A este servizo súmase a posibilidade de tramitar o DNI nas dependencias municipais, previa cita a través da Policía Local, “evitando os prexuízos e o gasto que desprazarse a outros municipios próximos xeraba aos nosos veciños”, así como a adhesión a un convenio de colaboración entre a FEMP e a DXT, que permite aos veciños de Nigrán realizar a tramitación do cambio de domicilio nos seus permisos de condución e circulación sen necesidade de desprazarse á Xefatura de Tráfico de Vigo.

Neste sentido, o rexedor municipal informa que nos próximos días porase a disposición dos veciños a través da páxina Web municipal diversos formularios para a realización de trámites co Departamento de Urbanismo, “que até a data había que solicitar en instancias municipais”, engade.

“A habilitación dun sistema de pasarela de pagos para o abono de taxas ou tributos vía internet e o portelo único online son os próximos obxectivos do goberno municipal para ofrecer un mellor servizo e atención aos nosos veciños”, conclúe Valverde.