O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e o tenente de alcalde, Alberto García Pazos, visitaron hoxe as obras xa finalizadas do Camiño de Poutón, unha actuación valorada en 21.700 euros e financiada con parte dos fondos procedentes das expropiacións de Porto do Molle, o antigo almacén municipal e da AG-57.
A actuación, executada con persoal municipal, consistiu na instalación dunha rede de pluviais e a pavimentación parcial do firme deste camiño da parroquia de San Pedro, “que ano tras ano se vía afectado polas fortes choivas e pola precariedade do firme, especialmente nos meses de outono e inverno, co consecuente prexuízo para os seus veciños”, explica o alcalde.
Valverde subliñou a importancia desta actuación, “iniciada e executada por este goberno, que unha vez máis dá solución definitiva a un problema enquistado no tempo e ignorado de forma sistemática por anteriores corporacións”, apunta.