O goberno municipal destina 60.000 euros para subvecións a entidades culturais, deportivas e veciñais

O goberno municipal aprobou no pleno celebrado onte a apertura dunha liña de subvencións para entidades culturais, veciñais, deportivas e comisións de festas por un valor total de 60.000 euros, unha medida que demostra o compromiso do goberno local con aqueles colectivos de Nigrán que colaboran na dinamización da cultura e o deporte no termo municipal.

As axudas económicas contempladas no orzamento deste ano, e que se asignarán por concorrencia competitiva, cuantifícanse en 25.000 euros para clubs deportivos, 25.000 euros a colectivos que promovan actividades culturais e 10.000 euros a asociacións veciñais.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, subliña a importancia desta medida, que é posible grazas á cancelación anticipada do Plan de Saneamento, un ano antes do previsto. “Unha nova mostra da capacidade de xestión deste goberno, e que abre as portas ao goberno municipal para a creación dunha liña de subvencións por valor total de 60.000 euros”, lembra o alcalde.

O goberno municipal pon en marcha esta medida como unha nova mostra de apoio ao traballo que estas entidades realizan para fomentar a actividade cultural, deportiva e de lecer no termo municipal, “un respaldo que se viu limitado nos últimos anos como consecuencia da situación económica do concello, e que supuxo un esforzo extra para estes colectivos, pero que agora nos vemos coa capacidade e o deber de incrementar”, sinala.

Plan Estratéxico de Subvencións
De forma paralela, o goberno local deu luz verde ao primeiro Plan Estratéxico de Subvencións municipal, un imperativo legal que permite ao concello abrir esta liña de axudas a entidades culturais, deportivas, veciñais e comisións de festas.

Neste sentido, o alcalde destaca que Nigrán é un dos primeiros concellos de similares características en contar con esta ferramenta, que dotará ás subvencións municipais para estes colectivos dun marco normativo e legal, “fundamental para abrir esta liña de axudas con todas as garantías legais, tanto para o concello como para os beneficiarios das mesmas”, conclúe.