O goberno municipal amplía a modificación exposta na ordenanza fiscal para os dereitos de conexión ao saneamento tamén á rede de abastecemento de auga. A comisión de contas celebrada hoxe deu luz verde á formulación do goberno municipal, que unifica a taxa pola tramitación administrativa para obter o dereito de conexión ás redes de saneamento e abastecemento de auga, “unha taxa desproporcionada e inxusta para a realización dun mero trámite administrativo que leva décadas en vigor”, recalca o alcalde, Alberto Valverde.
Na ordenanza vixente, o texto contempla unha cota variable en función do tipo de edificación para o dereito de conexión á rede de abastecemento de auga que oscila entre os 399 e os 966 euros. No caso do enganche ao saneamento, se tarifa en función dos metros cadrados construídos do inmoble. Por exemplo, para conectarse ao saneamento, unha vivenda de 80 metros cadrados debe abonar 264 euros, unha de 200 metros cadrados 778 euros, e un local comercial de 100 metros cadrados 446 euros.
Pago único de 150 euros en ambas as taxas
O goberno municipal amplía a súa proposta inicial de reducir a taxa por conexión ao saneamento e a completa coa redución pola conexión ao abastecemento de auga, expondo unha modificación que simplifica e unifica as tarifas polos dereitos de conexión a ambas as redes, reducindo os importes das cotas a un pago único de 150 euros.
O alcalde subliña a importancia da modificación da ordenanza proposta polo goberno municipal, que tamén axudará a reducir posibles problemas ambientais como consecuencia da existencia de pozos negros. “O noso obxectivo é que o abono da taxa non sexa un freo para que os veciños e veciñas de Nigrán conéctense a estes servizos, especialmente tras o esforzo realizado no presente mandato para ampliar e mellorar a rede de saneamento e abastecemento no termo municipal, cun investimento de 3,1 millóns de euros procedentes da administración autonómica, provincial e local”, sinala Valverde.