O goberno municipal advirte sobre a información publicada en relación á ampliación do prazo para o cobro da taxa do lixo

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, advirte sobre a información publicada nalgúns medios de comunicación sobre a ampliación do período de cobro da taxa de lixo. “O acordo plenario aprobado na última sesión está pendente de informes que avalíen a súa aplicabilidade en base á lexislación vixente”.

As advertencias realizadas polo interventor municipal e o secretario do concello durante o desenvolvemento do pleno de xaneiro sobre posibles irregularidades no acordo plenario sobre a ampliación do prazo para o cobro da taxa do lixo levaron ao alcalde a solicitar a elaboración inmediata dos informes necesarios para avaliar a validez real do devandito acordo.

No caso de que os informes técnicos revelen irregularidades, o goberno municipal solicitará a elaboración dun informe que valore a responsabilidade xurídica dos plenarios que votaron a favor da moción urxente de UCN. “A responsabilidade dos membros da corporación é facer aplicar a lei, non pretender sacar acordos plenarios que poderían ir en contra da mesma”, lembra Valverde aos membros da oposición.