O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación do proxecto construtivo das obras de mellora na estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Nigrán, unha actuación que contará cun orzamento de 1,1 millóns de euros.
A ETAP está construída para tratar un caudal de 200 litros por segundo, pero nestes momentos presenta unha serie de limitacións que impiden que esta opere no seu óptimo punto de funcionamento. “As obras teñen como obxectivo garantir que a instalación incremente o seu rendemento e, ademais, incorporar unha liña de tratamento de lodos que permita a redución do seu volume mediante deshidratación”, explica o rexidor municipal, Alberto Valverde.
O Concello de Nigrán abastécese do encoro de Zamáns a través dunha condución que leva a auga á estación de tratamento de auga potable (ETAP). Esta alimenta o depósito de Nigrán, de 15.000 metros cúbicos, situado nas inmediacións desta instalación, e mediante unha impulsión ao depósito de Priegue, de 1.800 m3.
En distintos períodos do ano, debido ás elevadas concentracións de sólidos en suspensión, prodúcese unha sobrecarga do sistema de depuración que se traduce nunha colmatación máis rápida dos filtros de area. Esta acelerada saturación dos filtros comporta un aumento do número de fases de lavado co conseguinte descenso da capacidade de produción de auga potabilizada. Neses momentos a ETAP non é capaz de asimilar o caudal para o cal foi dimensionada, e supón ademais un elevado aumento dos gastos de explotación.
O Concello de Baiona tamén se verá beneficiado por esta actuación, xa que en momentos de forte seca é necesario complementar o recurso do encoro de Baíña con auga proveniente da rede de abastecemento de Nigrán. Este incremento da necesidade de potabilización de auga coincide cos momentos en que a calidade da auga da orixe limita a capacidade de produción, polo que esta obra aumenta a garantía dun abastecemento en cantidade e calidade a estes dous concellos do Val Miñor.
Outras actuacións
A esta inversión da Xunta de Galicia, valorada en 1,1 millóns de euros, súmase a firma dun convenio con Augas de Galicia para ampliar a rede de abastecemento e saneamento do municipio por importe total de un millón de euros e a construcción xa en marcha do punto limpo en Nigrán, obras que xa comezou cun investimento valorado en más de 300.000 euros.
O goberno presidido por Alberto Valverde da un paso máis no seu obxetivo de mellorar as infraestruturas hidráulicas do municipio, e adianta que seguirá traballando para dotar a Nigrán dunha rede de abastecemento e saneamento de auga en condicións.
O rexedor municipal subliñou o valor das actuacións que se están a realizar nesta materia, “que darán resposta a unha das grandes demandas do municipio”. Así mesmo, agradeceu o esforzo realizado pola Xunta de Galicia, especialmente nos tempos de contención do gasto público no que nos atopamos. “As inversión que está a realizar a Xunta de Galicia non é máis que unha nova mostra do compromiso da administración autonómica con este municipio”, conclúe.