O CONCELLO DE NIGRÁN EMPRENDE AS OBRAS PARA CONSTRUÍR UN MIRADOIRO DE AVES E DOTAR Á CONTORNA DAS DUNAS DUN NOVO PECHE PERIMETRAL E DE RAMPLAS ACCESIBLES

 

O CONCELLO DE NIGRÁN EMPRENDE AS OBRAS PARA CONSTRUÍR UN MIRADOIRO DE AVES E DOTAR Á CONTORNA DAS DUNAS DUN NOVO PECHE PERIMETRAL E DE RAMPLAS ACCESIBLES

O proxecto, que conta cunha subvención do GALP de 45.000 €, incluíu roteiros ambientais e, mediante voluntariado, a erradicación por completo das dunas da herba carniceira e da margarita africana, dúas especies invasoras

Para peche perimetral empregáronse redes e cabos de pesca reutilizados por ser acordes coa cultura mariñeira da zona e o principio de sostibilidad

Nigrán, 10/11/20.- O Concello de Nigrán concluirá esta semana as obras para dotar do primeiro observatorio de aves a contorna do espazo dunar de praia América-Panxón e para mellorar a súa accesibilidade, todo elo a través da subvención do GALP de 45.451,23€. Igualmente, este proxecto incluíu diferentes roteiros de sensibilización ambiental e tres xornadas de voluntariado coordinadas desde Amigos da Terra (unha está pendente de celebrarse) destinadas a erradicar por completo das dunas a herba carniceira e a margarida africana, dúas especies invasoras con gran presenza.

Nos vindeiros días estará listo o primeiro observatorio de aves de Nigrán na zona de protección ambiental da desembocadura do río Muíños e, acorde co programa municipal ‘Un Nigrán para todos’, o proxecto de accesibilidade tamén inclúe a adaptación da pasarela de madeira e da varanda existentes e a instalación de ramplas de madeira para o acceso á praia. Como elemento salientable e innovador figura o emprego no peche perimentral de 100 metros liñais de sogas grosas que substitúen ao antigo arame (xa moi deteriorado ou inexistente) e na pasarela da duna 100 metros de redes de pesca xa inutilizadas, todo elo doado por mariñeiros de Bouzas. Este material reutilizado (sogas e redes) vincula a actividade produtiva de Panxón co seu espazo de lecer e, ao mesmo tempo, fai fincapé no principio de sostibilidade ambiental.

“Trátase dun traballo global adicado a por en valor todo este ecosistema, tanto desde o punto de vista da sensibilización cidadá como desde a propia infraestrutura que o protexe, que agora será máis accesible, cunha estética máis coidada e un novo elemento como o observatorio de aves. Temos que salientar que estamos moi agradecidos aos mariñeiros de Bouzas porque nos doaron este material totalmente gratis, queríamos que nesta espazo estivera presente a pegada deste sector productivo e o vai a estar dun xeito acorde coa zona”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña a polivalencia deste proxecto denominado ‘Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón’ e que obtivo a máxima puntuación do GALP.

“Se ben o traballo corresponde a unha continuidade nas actuacións que se veñen realizando desde hai anos, nesta ocasión consideramos innovamos coa circunstancia específica de traballar na accesibilidade, creando un miradoiro accesible, varandas de seguridade e pasarelas flexibles de madeira para acceder os areais. Todo elo acorde co proxecto “Un Nigrán para todos”, destaca.

O observatorio de aves mide 5x 2 metros e está formado por pilares e peche de madeira para a observación da fauna na zona de protección ambiental. Actualmente non existe ningún espazo similar no municipio, e moitas aves sofren de estrés coa presenza humana. Este elemento permitirá a calquera persoa achegarse ao coñecemento da fauna mariña e costeira a unha distancia prudente pero o suficientemente cerca como para poder identificar as diferentes especies sen molestalas. No elemento haberá ocos de observación a diferentes alturas, un banco corrido e un pequeno mesado para o apoio de guías de identificación ou prismáticos.

Igualmente, estase a dotar dunha varanda de seguridade a pasarela existente na duna, ademais de substituír os elementos en mal estado e empregar medidas de seguridade adicional engadindo unha soga de corda sobre a que se amarra unha rede de pesca como peche.

Finalmente, como na actualidade todos os accesos desde o sistema dunar son de area, as persoas con discapacidade física ou mobilidade reducida teñen problemas para achegarse, polo que se está a instalar unha pasarela flexible de madeira en catro puntos de acceso á praia que permita o paso de cadeiras de rodas, carriños de nenos/as ou camiñar de forma segura a persoas con muletas, bastóns, etc.