O CONCELLO DE NIGRÁN ARRANCA UNHA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DO COMERCIO LOCAL NO NADAL QUE INCLÚE MÁIS DE MIL EUROS EN VALES PARA CONSUMIR NA HOSTALARÍA
O alcalde de Nigrán presentou esta mañá xunto a asociación de empresarios Ovalmi a iniciativa ‘Este Nadal merca en Nigrán- #VivoEnNigránComproEnNigrán’
Distribuirase entre o pequeno comercio 8.000 bolsas, realizarase publicidade e estrearase un vídeo co obxectivo de apelar a conciencia individual á hora de consumir
Nigrán, 27/11/20.- O alcalde de Nigrán presentou esta mañá xunto a Asociación de Empresarios Ovalmi a campaña de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ e o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’. A iniciativa municipal inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a Ovalmi para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai.
“Faremos a campaña municipal máis potente ata o momento porque somos conscientes de que a situación é especialmente dura non só para os hostaleiros, se non para todos os que resisten cun pequeno comercio. Queremos apelar de novo á responsabilidade individual para consumir precisamente nos establecementos dos nosos veciños para, xuntos, saír adiante e volver a encher as rúas de vida cando a crise sanitaria pase”, resume o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta campaña que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, pintado de escaparates, ou a próxima estrea dun vídeo no que os protagonistas son os propios comerciantes de Nigrán. Todo será baixo o mesmo lema e coa cara dun Papá Noel sorrinte como ilustración (obra precisamente da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández).
Precisamente, xunto a Asociación de Empresarios Ovalmi, distribuiranse a partir de decembro máis de 12.000 rifas entre os seus establecementos asociados para que os clientes participen no sorteo de vales por valor de 50 € para consumir entre os 26 locais hostaleiros do municipio que desexaron sumarse (cada vale correspondería a un determinado negocio). Os premios sairán dun sorteo público que se celebrará o 8 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello e terán validez durante todo o 2021. “A iniciativa busca promover o consumo nos negocios locais e, ao mesmo tempo, beneficiar cos premios aos hostaleiros, xa que o Concello abonará previamente esa cantidade”, resume González. A estes establecementos asociados a Ovalmi tamén se lle ofrecerá a posibilidade de decorar o seu escaparate co pintado artístico do hashtag #VivoEnNigranComproEnNigrán por parte dunt profesional do lettering co obxectivo de difundilo tamén en redes.
“Coa campaña queremos motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello incluirá actividades de Nadal que dinamicen as rúas e, por suposto, tamén alumeado porque é algo que tamén da vida ao comercio“, resume o alcalde, quen avanza que o acendido será o día 4 de decembro e virá con sorpresas.