O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitou hoxe o Centro da Terceira Idade da Ramallosa, acompañado pola concelleira de Benestar Social, Carmen Alonso-Macías, e a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, para coñecer o estado das obras de reforma destas instalacións municipais.
Tras visitar as obras, o rexedor municipal adianta que espera reabrir o Centro da Terceira Idade da Ramallosa en menos dun mes, a principios do mes de abril, “un mes antes do prazo máximo establecido no prego de condicións da adxudicación, que é o mes de maio”, sinala Valverde.
A concesión foi adxudicada o pasado mes de outubro cun canon de adxudicación anual de 3.000 euros e unha duración do contrato de oito anos, ao que hai que sumar o importe correspondente ás obras de reforma e acondicionamento das instalacións, valoradas en 86.699 euros, “unhas obras adaptadas a un proxecto redactado pola enxeñeira municipal”, engade.
Así mesmo, o alcalde lembra o cambio de criterio adoptado polo goberno municipal respecto ao asumido en anteriores mandatos á hora de sacar a concurso concesións municipais, no que prima a calidade dos servizos para os veciños fronte á contrapartida económica para as arcas municipais.
“Por iso, a nova concesión abrirá as súas portas nunhas semanas, pero esta vez dentro da legalidade e con auténticas garantías de calidade para os seus usuarios, ademais de ofertar actividades para maiores, un dos requisitos para optar á concesión que se recollía no prego de condicións”. “Esperamos que finalmente sexa unha instalación de referencia como ocorreu coas instalacións municipais de Dunas de Gaifar”, conclúe o rexedor.