O Centro da Terceira Idade da Ramallosa adxudicarase nun prazo máximo de quince días

O Salón de Plenos municipal acolleu hoxe a apertura de sobres para a concesión do Centro da Terceira Idade da Ramallosa. Tras o acto celebrado hoxe, e se o resto do proceso administrativo transcorre con normalidade, o Centro da Terceira Idade da Ramallosa adxudicarase nun prazo máximo de quince días.

“Tras a firma do contrato, o novo concesionario terá un prazo máximo de seis meses para executar as obras de acondicionamento requiridas no proxecto redactado pola enxeñeira municipal, momento a partir do cal poderán entrar en funcionamento estas instalacións municipais”, explica Valverde.

A documentación presentada pola empresa concesionaria avalou a súa solvencia tanto profesional como económica, polo que esta explotará o Centro da Terceira Idade da Ramallosa por un prazo máximo de oito anos, a razón de 3.000 euros anuais. “Unha concesión máis competitiva e adaptada á conxuntura actual que a promovida polo goberno bipartito, e que obrigou ao anterior adxudicatario a revogar a concesión a principios deste ano”, lembra.

Cambio de criterio
Neste sentido, o rexedor municipal subliñou as diferenzas existentes entre a xestión de gobernos anteriores e do actual, na que primou a contrapartida económica fronte aos servizos que ditas instalacións ofrecían aos seus usuarios. “Aínda que a tramitación desta concesión dilatouse no tempo, o motivo non foi outro que o de sacar a concurso un prego de condicións que garantise unha mellora dos servizos prestados a través destas instalacións municipais a veciños e visitantes, ademais de resolver irregularidades previas, como a ausencia dunha licenza de actividade”, sinala Valverde.

A modo de exemplo, lembra que o prego de condicións recolle claramente que a empresa concesionaria deberá incorporar á oferta de servizos a organización de actividades para maiores, “completando así a programación social promovida desde o propio concello para este colectivo”, apunta.

O Centro da Terceira Idade foi outro exemplo da mala xestión de anteriores gobernos, cunhas instalacións municipais en pésimo estado de mantemento e que exercían a actividade sen a correspondente licenza. “A diferenza doutros gobernos, priorizamos o servizo e a calidade do mesmo á parte económica, polo que estamos convencidos que, do mesmo xeito que ocorreu coa Praia, estas instalacións converteranse nun referente de lecer e un punto de encontro tanto para locais como para visitantes”, conclúe Valverde.