O Centro da Terceira Idade da Ramallosa abre as súas portas cunha imaxe renovada

O Centro da Terceira Idade da Ramallosa reabre as súas portas tras as obras de reforma e acondicionamento acometidas pola empresa concesionaria valoradas en 86.869 euros, como se establece no prego de condicións, “unha actuación imprescindible para adaptar á legalidade e á normativa vixente estas instalacións municipais, que abren as súas portas cunha nova e mellorada imaxe”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.

A empresa concesionaria explotará a cafetaría do Centro da Terceira Idade da Ramallosa durante un período máximo de oito anos, cun canon anual de 3.000 euros, “unha concesión adaptada á conxuntura socioeconómica actual e que prioriza os servizos ofertados aos veciños e veciñas de Nigrán fronte á contrapartida económica para as arcas municipais”, observa Valverde.

Mellor servizo
Esta filosofía do goberno municipal plasmouse no prego de condicións, no que se recolle que a empresa concesionaria deberá incorporar a organización de actividades para maiores que complementen a programación municipal.

Neste sentido, o rexedor municipal adianta que ademais dos talleres habituais para os maiores, de mantemento e estimulación da memoria, de vivir o corpo e de informática, e que volverán impartirse nas instalacións municipais o próximo curso lectivo, o Centro da Terceira Idade da Ramallosa acollerá ao longo do ano diversas festas temáticas para os nosos maiores.

O rexedor móstrase satisfeito coa reapertura desta instalación municipal, de vital importancia para o lecer dos nosos maiores en particular, e dos veciños de Nigrán en xeral, e adianta que se converterá, do mesmo xeito que sucedeu coas instalacións de Dunas de Gaifar no seu día, en punto de referencia do lecer e o esparexemento en Nigrán.

“A xestión deste goberno permitiu que os nosos veciños teñan hoxe un Centro da Terceira Idade como se merecen, unhas instalacións en condicións, en perfecto estado de conservación e mantemento, adaptado á normativa vixente, e que garanto ofrecerá un servizo de maior calidade aos seus usuarios”, conclúe Valverde.