O alcalde repasa o estado das praias do municipio xunto cun enxeñeiro de Costas

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, percorreu acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Vidal, e un enxeñeiro do Servizo Provincial de Costas distintos puntos das praias do municipio para repasar o estado das mesmas.

Na visita constataron o perfecto estado no que se atopan as praias, á vez que estudaron as opcións posibles para, de forma conxunta, resolver algunhas cuestións pendentes para a súa completa posta a punto, como o acceso á praia de Patos ou o estado do areal das Canas.

“Tras o esforzo realizado por Costas para finalizar en tempo e forma as obras de reparación do Paseo de Panxón, agora ambas as administracións seguiremos colaborando e axuntaremos recursos para dar solución definitiva no menor período de tempo posible a estas dúas cuestións pendentes”, sinala o rexedor municipal.

Concretamente, o rexedor e o técnico de Costas desprazáronse ao acceso á praia de Patos á altura da Rúa Cansadoura, afectado os fortes temporais sufridos este inverno, así como ao areal das Canas, que debido á climatoloxía dos últimos meses e ás correntes mariñas ten menor nivel de area do habitual.

En relación ao acceso da praia de Patos, o rexedor reitera o avanzado onte tras a visita do Director de Costas ao Paseo de Panxón, na que adiantou que o goberno municipal continúa coas xestións iniciadas coa administración competente para buscar unha solución a este problema, e apunta un prazo estimado de quince días para resolvelo.

Tras desprazarse até a praia das Canas, tanto o técnico de Costas como o rexedor puideron comprobar como o mar está a devolver a area que arrastrou cara a si o pasado inverno, polo que se esperará a que a natureza siga o seu curso, e que a praia recupere o nivel de area nos próximos días.

O rexedor adiantou que no caso de que o mar non devolva area suficiente nas próximas semanas, adoptaranse as medidas necesarias para que a praia estea en condicións para o seu uso. Neste sentido, Valverde reiterou que hai que deixar actuar á natureza, “as praias son patrimonio natural, polo que calquera actuación que adoptemos debe respectar e protexer a nosa contorna medio ambiental”.