Nova guía turística de Nigrán

DESCARGAR A GUÍA

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREARÁ EN FITUR UNHA NOVA GUÍA TURÍSTICA QUE CONXUGA HISTORIA, CURIOSIDADES E TRADICIÓNS DE CADA PARROQUIA

Os usuarios poderán descubrir nun único libro editado en papel reciclado o patrimonio natural e cultural de todo Nigrán, roteiros, eventos e mesmo receitas típicas achegadas por recoñecidos veciños

A información foi elaborada por técnicos municipais e o deseño correu a cargo da artista Anubis Muñoz. Dispón de traducións en castelá, galego e inglés, ademais de mapas parroquiais

O obxectivo foi reunir nun só exemplar, e cun formato atractivo, todo tipo de información práctica ou de interese para o visitante e que sintetice o noso lema: Nigrán, equilibrio natural”, explica o alcalde, Juan González

Nigrán, 17.01.22.- O Concello de Nigrán presentará esta semana en FITUR unha nova guía turística do municipio que releva definitivamente a todo o material promocional anterior ao ofrecer un contido actualizado e acorde ao lema estreado no ano 2021 ‘Nigrán, Equilibrio Natural’. Uns primeiros exemplares de consulta estiveron xa dispoñibles nas Oficinas de Turismo de Panxón e Ramallosa, abertas os pasados meses grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra correspondente ao ano 2021 para contratar a dous técnicos.
A través dun deseño innovador a cargo da artista local Anubis Muñoz e cunha información recompilada e elaborada polos servizos técnicos do Concello, os visitantes poderán descubrir nun único libro editado en papel reciclado o patrimonio natural e cultural de cada unha das sete parroquias e a súa Historia, roteiros, eventos, curiosidades e mesmo receitas típicas achegadas por recoñecidos veciños e veciñas. Ademais, a edición é trilingüe (galego, castelá e inglés) e cada exemplar (en formato pequeno de medio folio para resultar máis manexable) está contido nunha carpeta xunto con mapas parroquiais cos puntos de interese.

“Ata agora no Concello dispuñamos de moito material promocional de diferentes épocas, contidos e deseños, así que o obxectivo foi reunir nun só exemplar, e cun formato atractivo, todo tipo de información práctica ou de interese e que sintetice o noso lema: Nigrán, equilibrio natural”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que “se presta atención ás sete parroquias sen primar unhas por riba doutras porque todas teñen a mesma importancia”.

Tal e como explica a técnica de Turismo do Concello, Merce Pedrosa, “non é unha guía ao uso na que o municipio se presenta case exclusivamente con imaxes bonitas das nosas praias, se non un libro onde o máis curioso pode afondar en cada unha das parroquias descubrindo polo miúdo aspectos que raramente se mencionan en webs turísticas”. Por iso apenas hai imaxes, optándose por ilustracións de monumentos ou que interpretan máis libremente as paisaxes. “Queremos que o visitante acuda aos lugares atraído pola propia información que ofrecemos, as fotografías xa inundan as redes e Internet, o noso cometido é ofrecer información de calidade e actualizada”, incide.

Así, esta recente edición permite incorporar novidades como o mural da artista Lula Goce en Panxón, a nova Biblioteca Municipal, o Bosque da Memoria ou o monumento a Milladoiro en Chandebrito, o miradoiro do ‘Pericoto do Vilar’ en Camos, a cervexa ‘Nigrán, Equilibrio Natural’, a posibilidade de seguir roteiros de senderismo a través da aplicación Wikiloc ou mediante códigos QR, etc. Ademais, a guía ofrece desde a típica información relativa a hospedaxes e restaurantes, transportes ou principais eventos a outra máis curiosa como un ‘metrominuto’ de distancias en tempo a pé aos puntos de interese do municipio ou apartados específicos de surf, praias e do Camiño Portugués pola Costa.

“En definitiva, a guía deixa patente que en Nigrán temos unha riqueza natural inmensa, onde non hai que elixir entre mar e montaña, cidade ou vila, soidade ou xentío, porque o reunimos todo nas nosas 7 parroquias”, insiste o rexedor.

Como aspecto máis singular destacan sete receitas facilitadas por recoñecidas cociñeiras e cociñeiros de cadansúa parroquia. Desde a famosa rosca de Camos da familia Copena ao ‘kiko’ de Parada ou xurelos asados de Panxón. “Este apartado dá conta do carácter amable e entrañable da nosa veciñanza e, por suposto, da nosa gran riqueza gastronómica”, resume González. Así, cada unha das receitas aparece asinada co nome do autor/a e cunha ilustración posando con prato en cuestión.