Nigranbus-Conectando las parroquias
LANZADEIRA PORTO DO MOLLE-PRAIA AMÉRICA
O Concello de Nigrán conecta novamente Porto do Molle e Praia América mediante un autobús directo as fins de semana e festivos de xullo e agosto. A principal novidade desta iniciativa estreada no 2024 polo consistorio é que nesta ocasión resulta totalmente gratis para os usuarios, xa que o Concello contratou unilateralmente o servizo por importe de 10,978 € (os anos anteriores integrouse no ‘Servizo de Interese Municipal’ do Nigranbus, polo que funcionaba coas mesmas tarifas que o transporte regulado e coas bonificacións propias da tarxeta metropolitana). Así, desde a pasada fin de semana, chegar a Praia América e tombarse ao sol en tempo récord co handicap de ser fin de semana ou festivo volve a ser posible para a veciñanza que vive máis alonxada da costa.
A liña funciona cun vehículo de 22 prazas máis unha de mobilidade reducida nos devanditos días e cun horario de 11:00 a 13:00 horas, de 14:25 a 16:30 e de 17:00 a 20:30 con frecuencias cada 20 minutos. Coma o ano pasado, sae desde a área de servizo de caravanas de Porto do Molle (rúa Xian, a escasos metros do Centro Comercial Nasas) fai parada no centro de Nigrán (Praza Rosalía de Castro) e finaliza en Gaifar ao carón da oficina de turismo e a escasísimos metros da praia. “O punto de inicio é ideal porque hai moitas prazas de aparcamento para a veciñanza que ven máis do interior e facilita tamén a vida aos posibles caravanistas que, deste xeito, non ocupan espazo de aparcamento na costa. Ao mesmo tempo, para no núcleo urbano ao ser unha zona moi poboada e, polo tanto, con alta demanda”, explica Diego García Moreira, edil de Mobilidade que deseñou esta liña.


