Nigrán recibe a 12 nenos saharauís que pasaron o verán na comarca

O tenente de alcalde de Nigrán, Alberto García, a concelleira de Benestar Social e Sanidade, María del Carmen Alonso-Macías, e outros membros do equipo de goberno recibiron hoxe a unha ducia de nenos saharauís que están a gozar de dous meses de estadía, grazas á SOGAPS (Solidaredade Galega có Pobo Saharauí).

Cada verán, esta asociación coordina o desprazamento de nenos do Sahara de entre 7 e 12 anos de idade, co triplo obxectivo de afastalos do duro sol do deserto nos meses de verán, darlles cobertura sanitaria grazas a un convenio de colaboración asinado co SERGAS e mellorar a súa alimentación e dotarlles de roupa e calzado.

Un labor a de SOGAPS que é posible grazas á colaboración de moitas familias da comarca, que de forma altruísta e ano tras ano abren as súas portas a estes nenos. Neste sentido, o rexedor municipal fai un chamamento ás familias do municipio e da comarca a colaborar con esta asociación, a través do correo electrónico asociacionsogaps@yahoo.es ou entrando na páxina www.sogaps.org.