Nigrán ofrecerá unha ludoteca de acceso libre e gratuíto os días laborais de Semana Santa

Tras o éxito da ludoteca de Nadal, o goberno municipal volve poñer a disposición dos veciños e veciñas de Nigrán unha ludoteca de acceso libre e gratuíto para esta Semana Santa, que estará aberta os días 14, 15 e 16 de abril no Salón de Actos de 10.00 a 14.00 horas. “O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha alternativa de ocio ao público infantil nas vacacións de Pascua ao tempo que axudar a conciliar a vida familiar e laboral aos veciños de Nigrán”, subliña o rexedor municipal, Alberto Valverde.

A ludoteca estará aberta sen necesidade de reserva previa de praza para nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, ambos os dous incluído, e ofrecerá diversas actividades lúdicas, como o paracaídas, xogos tradicionais, talleres de reciclaxe, carreiras de ras e coelliños de Pascua elaborados polos nenos, pompas de xabón, contacontos participativos, nos que serán os propios nenos que vaian enriquecendo a historia, e unha obra de teatro asinada e interpretada por dous alumnos de 7 e 8 anos de idade do CEIP Humberto Juanes.

Mercado solidario
O sábado 12 e o domingo 13 de abril, e entre as 11.00 e as 20.00 horas, Praia América será escenario dun mercado solidario, organizado por Truequelandia en colaboración co Concello de Nigrán, e que contará coa participación de asociacións e colectivos da bisbarra como o Centro Juan María, Avelaíña, a Casa Colorida, e CEMMA, entre outros.

Os visitantes atoparán nos postos, que se instalarán no ámbito do parque infantil e a Rúa Vista ou Mar, información sobre as asociacións e colectivos participantes, venda de segunda man, intercambios, venda de manualidades e obxectos, recollida de alimentos e tapóns, proxeccións de curtos e documentais e talleres infantís.

Actuación do coro Stella Maris
O Salón de Actos municipal acollerá o sábado ás 19.00 horas a actuación do conxunto coral de Priegue Stella Maris, que interpretará diversos temas dentro do xénero de música tradicional polifónica, habaneiras, boleros e música sacra.

Rutas de sendeirismo
O xoves e venres santo serán días de turismo de natureza, coa programación de dúas rutas de sendeirismo para coñecer e gozar do patrimonio natural de Nigrán. As persoas interesadas en participar deberán estar o xoves 17 ás 10.00 horas no ámbito da Capela de San Roque, para a ruta do sendeiro circular de Camos, e o venres 18 na Oficina de Turismo de Panxón, dende onde partirán para realizar un percorrido por moitos dos escenarios que do protagonista da novela “A praia dos afogados”, de Domingo Villar, que interpretará Carmelo Gómez na versión cinematográfica, cuxa rodaxe comezará a principios do mes de maio.

Deportes
O campo de fútbol de Vilariño acollerá este fin de semana dous torneos de fútbol nas súas instalacións. O II Torneo Carmen Lourido de Fútbol 7, organizado pola Comisión de Festas de Praia América, e que se disputará os días 17 e 18 de abril e o IV Torneo RACVIL POLI de fútbol 7, os días 18 e 19.

A Asociación Deportiva Española de Kite Buggy (AEKB), en colaboración co Concello de Nigrán, celebrará os días 18 e 19 de abril entre as 10.00 e as 20.00 horas o AEKB Tour 2014 en Praia América. O protagonista deste evento é o deporte de vela en terra, que agrupa fundamentalmente as modalidades de Kite Buggy, Kite Mountainboard e carrovelas, actividades todas elas sostibles, que combinan a práctica deportiva e a necesidade social de protexer en ámbito, garantindo así a conservación do patrimonio natural.