O éxito da oferta de actividades da campaña Descobre Nigrán leva á Concellaría de Turismo, Cultura e Deportes a prolongar tamén no mes de novembro esta iniciativa posta en marcha hai xa dous anos. En total, Nigrán ofertará até catro alternativas de lecer gratuíto e con guía turístico, coas que locais e visitantes poderán seguir coñecendo os múltiples encantos do municipio.
As visitas guiadas polos pazos celebraranse os xoves 14 e 28 de novembro, con saída ás 17.00 horas desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón. Desde aí, os participantes percorrerán o Pazo das Pías, na Ramallosa, o de Cea, en Nigrán, e o da Touza, na parroquia de Camos.
As rutas de sendeirismo terán lugar o domingo 10 e o sábado 23 de novembro, tamén coa Oficina de Turismo Dunas de Gaifar como punto de encontro, con saída ás 10.00 horas. O día 10, coincidindo coa VIII Marcha BTT Concello de Nigrán, realizarase a ruta inspirada na novela homónima de Domingo Villar, a Praia dos Afogados, unha novidade na programación desta tempada; e o sábado 23 o Carreiro dúas Matogueiras, que discorre pola parroquia de Camos.
Máis información e inscricións no departamento de Turismo, Cultura e Deportes, no 986 36 50 00, extensión 6, ou a través do correo electrónico turismo@nigran.org.