Nigrán oferta até cinco alternativas divertidas e saudables para descubrir os encantos do municipio

Tras o éxito cultivado o pasado verán o goberno municipal reedita a campaña Descobre Nigrán, incorporando á oferta de sendeirismo, pazos, pádel surf e piragua a bicicleta eléctrica, como alternativas divertidas e saudables para coñecer todos os encantos e atractivos turísticos do municipio.

Descobre As nosas Rutas celebrarase todos os luns de xullo e agosto, con saídas desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar ás 18.00 horas, coa incorporación da Ruta da Praia dos Afogados á habitual oferta.

Os pazos de Nigrán constitúen unha das xoias patrimoniais do municipio, ademais dunha alternativa de lecer perfecta, especialmente para os amantes da historia, a arquitectura e a cultura heráldica de Nigrán. As visitas guiadas aos pazos de Cea, da Touza e das Pías poderán realizarse de forma gratuíta os xoves 17 de xullo e 8 e 22 de agosto, con saídas ás 18.00 horas desde a oficina de turismo Dunas de Gaifar, en Panxón.

Descobre Nigrán en Piragua e en Pádel Surf consolidáronse como unha alternativa divertida e saudable para coñecer o municipio desde unha perspectiva única, o mar, só ou en compañía de familiares e amigos. As saídas en piragua serán todos os xoves de xullo e de agosto de 20.00 a 21.30 horas, e os domingos de 11.00 a 12.30 horas. As de pádel surf serán todos os xoves de xullo e agosto, de 11.00 a 13.00 horas.

Como novidade, este verán o Concello de Nigrán ofrece a oportunidade de coñecer o municipio en bicicleta eléctrica. Esta modalidade do Descubre Nigrán ofrece a posibilidade de percorrer os principais atractivos turísticos do municipio nun trazado duns 20 quilómetros os sábados 13 e 27 de xullo e 3, 17 e 31 de agosto, con saídas ás 10.00 horas desde o concello.

As inscricións realizaranse nas oficinas de turismo, nos teléfonos 986 36 87 34, 618 531 238, 986 35 48 79 ou a través do correo electrónico oficinaturismo@nigran.org.