O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA MAÑÁ COA PROXECCIÓN DE
‘EL MAESTRO QUE PROMETIÓ EL MAR’ A SÚA PROGRAMACIÓN POLO ‘MES DA MEMORIA’
Este ano estará adicada especialmente á represión no ensino e comprenderá a proxección de tres películas, unha charla ao respecto de Carlos Méixome e o tradicional homenaxe da ‘Volta dos 9’ en Panxón
Nigrán, 25.09.24.- O Concello de Nigrán inaugura mañá xoves coa proxección de ‘El maestro que prometió el mar’ (Auditorio Municipal, 20:00 horas) a súa habitual programación de outono adicada á recuperación da memoria histórica. Este ano estará especialmente enfocada na represión no ensino, polo que tendo en conta a temática, a través do Cineclub Val Miñor Alice Guy proxectarase este filme de 2023 e, ademais, o domingo 6 de outubro ‘La lengua de las mariposas’ (19:00 horas) e o xoves 24 de outubro con ‘Los días del pasado’ (20:00 horas). A maiores, o venres 11 de outubro ás 20:00 horas o investigador Carlos Méixome, autor entre outros do estudo ‘A represión do maxisterio no Val de Miñor’, ofrecerá unha charla centrada na figura do mestre de Nigrán Sebastián Pena. Todas estas actividades desenvolveranse no Auditorio Municipal con entrada libre ata completar o aforo. A maiores, o martes 15 de outubro realizarase o tradicional homenaxe da ‘Volta dos 9’ no xardín da memoria ao carón do Pavillón de Panxón, un acto no que o alcalde de Nigrán realiza unha ofrenda floral acompañados dos familiares dos asasinados na coñecida como curva da Bombardeira (Baiona).
“A represión no ensino foi brutal, e en Nigrán temos un caso moi especial, que foi o asasinato do mestre Vázquez Grela ou o prototipo tamén de mestre da República Sebastián Pena, asi que este ano queríamos centrarnos no eido educativo. Para este goberno é esencial recordar a nosa Historia se non queremos repetila”, explica o alcalde, Juan González, quen no ano 2018 inaugurou un parque na honra de Grela moi preto da escola de onde o sacarón os falanxistas mentras impartía clases para matalo a escasos metros, nas Angustias.
Precisamente, o Concello de Nigrán celebra cada ano desde 2015 o ‘Mes da Memoria Histórica’ facéndoo coincidir co suceso da ‘Volta dos 9’ do 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos ‘Os Ineses’ morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños do Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaban con esmero aos autores, estas sempre voltaban a ser debuxadas.