Nigrán mellora o seu equipamento cultural co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Nigrán mellora o seu equipamento destinado á programación de actividades culturais co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O Concello levou a cabo recentemente actuacións de mellora na sala multiúsos da casa do concello, co obxectivo de favorecer un uso máis amplo das instalacións e atender as novas necesidades que requiren as diferentes tipoloxías de actividades programadas.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo visitou esta tarde Nigrán, onde foi recibido polo alcalde do municipio, Alberto Valverde Pérez e a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva. Alí puido coñecer de primeira man o novo equipamento cultural adquirido polo Concello e que contou cunha subvención da Consellería de Cultura e Educación de 2.133,95 euros.

O de Nigrán foi un dos 127 proxectos beneficiarios da liña de axudas convocada pola Secretaría Xeral de Cultura para que as entidades municipais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica poidan mellorar e acondicionar os seus equipamentos destinados á realización dunha programación cultural estable. Entre os proxectos subvencionados inclúese a realización de melloras no equipamento escénico, iluminación e son, nos sistemas de prevención e seguranza ou na mellora de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Liñas de axudas para mellora do equipamento cultural
Esta liña de axudas a concellos compleméntase cunha segunda liña de axudas ás entidades sen fin de lucro (fundacións e asociacións). O investimento total destas dúas liñas no ano 2012 ascendeu a preto de 800.000 euros e contou co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Dentro dunha aposta pola dinamización cultural no conxunto do territorio galego, cun criterio de calidade e sustentabilidade, a Secretaría Xeral de Cultura considera necesario promover a mellora dos equipamentos e das condicións técnicas dos locais de cultura co fin de abrir as súas ofertas aos novos formatos artísticos e culturais, e facilitar, ao mesmo tempo, a adaptación tecnolóxica e o equilibrio territorial na distribución cultural.