O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e o concelleiro de Vías e Obras, José Álvarez, visitaron as obras de acondicionamento da Praza da Carrasca. A actuación, executada pola empresa Construcións Ainxuela, está valorada en algo máis de 86.000 euros, e ten un prazo de execución estimado de sesenta días.
O rexedor municipal destacou a importancia desta actuación, tras varios intentos errados por parte de anteriores gobernos, e que mellorará de forma significativa a imaxe duns dos espazos máis emblemáticos do municipio.
“O acondicionamento da Praza da Carrasca dará un novo e mellorado aire a esta zona de lecer e esparexemento, especialmente significativo no ámbito cultural, ao ser escenario de promoción e difusión da cultura popular e tradicional galega”, observou Valverde.