Nigrán inaugura a tempada estival co tradicional izado das bandeiras azuis

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Vidal Meneses, e os responsables de Protección Civil e do servizo de socorrismo da Mancomunidade do Val Miñor, celebraron hoxe o tradicional izado de bandeiras azuis na praia de Patos.

O rexedor municipal lembrou que aos dous recoñecementos de AEDAC para as praias de Patos e Praia América, esta última galardoada de forma ininterrompida os últimos 24 anos, súmase por segundo ano consecutivo o distintivo carreiro azul para a senda litoral que conecta o areal de Panxón coa Ramallosa.

Con este acto, Nigrán inaugura de forma oficial a tempada de verán, que se completa coa incorporación de 21 socorristas -11 para os areais de Nigrán-, que velarán pola seguridade dos bañistas até o próximo 15 de setembro.

Valverde destacou que a pesar de non ostentar o distintivo de bandeira azul, a cala de Area Fofa tamén contará este ano cun posto de socorrismo, así como con todos os servizos necesarios, “co fin de recuperar o distintivo de calidade ambiental de AEDAC de face ao próximo verán para este areal da fachada sur de Monteferro”.

Ao servizo de socorrismo súmase o equipo de Protección Civil, que xunto coa incorporación de 8 auxiliares de Policía Local desde o pasado 23 de xuño completan as forzas de seguridade municipal de face á campaña estival. Neste sentido, o rexedor lembrou que a pesar de que os auxiliares se incorporan no verán, o contrato do oito efectivos prolongarase até finais deste ano.