Nigrán homenaxea ao seu deportista de Slalom Nacho Fernández Méndez

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, recibiu ao deportista de slalom para persoas con parálise cerebral, Nacho Fernández Méndez, tras os éxitos deportivos alcanzados o pasado mes de maio no Campionato de España de Slalom, celebrado en Alacante. Nacho, pertencente ao club TAMIAR APAMP de Vigo, bateu records nesta modalidade deportiva ao revalidar o seu título de campión nacional de slalom, e lograr outras dúas medallas de ouro máis polas súas vitorias nas probas cronometrada individual e eliminación individual. Os éxitos deportivos deste veciño de Nigrán levarano a competir os europeos de slalom en Birmingham, Inglaterra, no ano 2015.

Valverde felicitou ao homenaxeado, animándolle a seguir obtendo novos logros deportivos, gozando de cada un deles ao máximo. “Nacho converteuse nun exemplo de esforzo e superación digno de admiración para todos”, sinalou. Así mesmo, subliñou a importancia do título obtido o pasado mes de maio, sendo un dos poucos deportistas que ostentan o título de campión de España do municipio. “Este mozo converteuse nun orgullo para a súa familia e amigos, pero tamén é un auténtico orgullo para Nigrán”.

O slalom é un deporte que se practica en cadeira de rodas para persoas con parálise cerebral, na que nun circuíto de habilidade e obstáculos o deportista debe ir esquivándoos até completar un percorrido determinado no menor tempo posible. Esta modalidade supón un gran esforzo, precisión e dominio da cadeira de rodas en cada un dos xiros, desprazamentos e cambios de dirección que deben realizarse en cada unha das probas. A derriba dalgún obstáculo ou a súa incorrecta execución suporán unha penalización en tempo ou a descualificación.