Nigrán finaliza o período de exposición pública do PXOM cunhas 1.200 alegacións

Os tres meses de exposición pública do PXOM finalizaron onte cun saldo dunhas 1.200 alegacións presentadas no Rexistro Municipal. Así mesmo, neste período os técnicos municipais atenderon a máis dun milleiro de veciños con dúbidas e consultas sobre o plan de ordenación urbanística, “unhas cifras que pechan esta fase da tramitación do PXOM cun saldo positivo e que reflicten o esforzo realizado polos técnicos desta casa, aos que agradezo profundamente a súa dedicación e traballo, especialmente no últimos tres meses”, apunta o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.

A finalización da exposición pública abre unha nova etapa na tramitación do documento de ordenación urbanística, que concluirá coa aprobación provisional do documento. “Os técnicos municipais están desde o día de hoxe clasificando todas as alegacións recibidas, para remitilas posteriormente á empresa redactora, que é a entidade responsable de informar sobre elas”, explica o rexedor municipal.

Paralelamente, a administración local está pendente de recibir os últimos informes sectoriais do documento, “que xunto coas alegacións informadas pola empresa redactora, incorporaranse ao documento que levará a aprobación provisional en sesión plenaria”, agrega Valverde.

O rexedor municipal subliña a importancia da fase que a tramitación do PXOM deixa atrás, na que os veciños han realizados unhas achegas que sen dúbida mellorarán o documento. Así mesmo, insiste na importancia desta nova fase do procedemento de aprobación do Plan Xeral, e reitera o manifestado en etapas anterior, tranquilidade e normalidade absoluta ao redor da tramitación do plan. “As alegacións recibidas e correctamente informadas pola empresa redactora enriquecerán o documento de ordenación de Nigrán, que sentará as bases para que este municipio creza, dunha vez por todas, de forma ordenada e sustentable”, observa.

Así mesmo, Valverde fai un chamamento á responsabilidade a todos os membros da corporación municipal. “Desde o goberno municipal brindamos a man ao resto da corporación a traballar con responsabilidade para dotar a Nigrán dun marco urbanístico adecuado. Neste momento non caben cuestións políticas, polo que esperamos contar coa súa presenza nas reunións de traballo sobre o PXOM para, de darlle a este municipio e aos seus veciños o Nigrán que se merecen”, sinala.