Nigrán estuda a retirada da reserva de chan do viario Balsa-Saiáns-Porto do Molle trazada no PXOM

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, anuncia que o goberno municipal estuda a retirada da reserva de chan recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal para o viario Balsa-Saiáns-Porto do Molle. “Tras as reunións e conversacións mantidas nas últimas semanas coa Xunta de Galicia, e atendendo ao sentir veciñal, barallamos a posibilidade de retirar a reserva de chan recollida no plan”, informa Valverde.

“Os encontros mantidos coa administración autonómica puxeron de manifesto a dificultade de que o viario poida chegar a ser unha realidade nos próximos 15 ou 20 anos”, explica o rexedor. Ante esta situación, unha posibilidade pode ser non cargar o documento cunha reserva de chan que finalmente non se materialice, polo que o rexedor municipal avanza que se manterán as conversacións oportunas coa Xunta de Galicia para decidir a retirada definitiva. Así mesmo engade que, “aínda que as circunstancias actuais non o permiten, o próximo plan urbanístico terá que recollelo”, engade.

Doutra parte, as dúbidas xurdidas entre os veciños con respecto ao seu trazado, levan ao goberno local a reformularse a súa inclusión dentro do documento de ordenación urbanística. Neste sentido, Valverde reitera, “somos un goberno que escoita aos seus veciños, máis aló das plataformas políticas”.

O rexedor municipal deixa claro que estes son os únicos argumentos que levaron ao goberno municipal a adoptar esta decisión. “Que ninguén queira ver nesta formulación un engano pola nosa banda. Nigrán necesita un viario que mellore as comunicacións das parroquias do interior coa liña de costa, que alivie a carga de tráfico rodado que asumen na actualidade as principais arterias de comunicación, un viario en torno ao cal o municipio se estruture e vertebre”, sinala.

Así mesmo, desmente unha vez máis os rumores que se están xerando desde determinadas plataformas sobre a reserva de chan contemplada na PXOM. “Aínda que o trazado contemplado no PXOM non está tecnicamente perfectamente delimitado, garanto que a reserva de chan exposta non afectaría a ningunha vivenda. Tampouco, tal e como tentan facer crer algúns, a formulación sería a construción dunha autoestrada, dunha autovía ou dun viario de alta capacidade”, asevera.