O Concello de Nigrán contará desde as 00.00 horas do día 18 de xullo cunha páxina Web específica para o Plan Xeral de Ordenación Municipal -www.plangeneralnigran.org-, que permanecerá activa o resto do procedemento até a súa definitiva aprobación. “O período de exposición pública da PXOM é unha das fases máis importantes para a definitiva configuración do documento, na que a participación dos veciños será vital”, reitera o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Este sitio web explica a situación actual do documento de ordenación urbanística, así como os próximos pasos a seguir no procedemento oficial de tramitación da PXOM. Así mesmo, aloxa a PXOM na súa totalidade, cunha organización da documentación dirixida a facilitar o acceso á mesma, e facilita o modelo de alegacións recomendado polo concello, así como os prazos para a súa presentación.
A Web actuará tamén como soporte de comunicación do documento, informando en todo momento do punto no que se atopa a tramitación da PXOM, así como calquera novidade ou noticia que se xere ao redor del. “O obxectivo de desenvolver esta páxina é achegar a PXOM aos nosos veciños, facilitándolles a realización de calquera dúbida ou consulta que teñan en relación ao mesmo”, explica Valverde.
Neste sentido, o rexedor municipal lembra que o documento tamén está exposto desde o pasado día 4 de xullo e até o próximo 3 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, no Salón de Plenos municipal. “Puxemos a disposición dos veciños a técnicos municipais e da empresa redactora, que orientarán e asesorarán a todas aquelas persoas que o necesiten”, sinala Valverde.