Os concellos de Nigrán e Gondomar veñen de formalizar a súa participación no programa LIFE+ cun proxecto conxunto que permitirá rexenerar ás áreas máis degradadas do río Miñor e dos ecosistemas húmidos asociados. Este proxecto ten un presuposto superior a 117.000,00 €, dos cales a Comisión Europea asumiría un 75%, mentres que os municipios de Nigrán e Gondomar terían que achegar o 25% restante.
Entre os principais obxectivos deste proxecto mancomunado figuran a creación dun Plan de Manexo e Xestión da Ramallosa e do río Miñor; a restauración do bosque de ribeira nas zonas máis afectadas pola contaminación; a recuperación das poboacións de diferentes especies de anfibios mediante a rehabilitación dos seus principais hábitats, os humidais de auga doce; a avaliación do estado de saúde dos amieiros e a súa afectación polo fungo Phytophthora alni.
Así mesmo, LIFE+ contempla a mellora ambiental e paisaxística dos accesos ao río, especialmente no tramo que vai dende o centro urbano de Gondomar, ata a desembocadura no concello de Nigrán, dotándoo de balizas e paneis interpretativos con información sobre este importantísimo medio natural, que tamén servirán para orientar á poboación e aos turistas, e ofertar actividades relacionadas co turismo verde e respectuosas co medio.
Medio ambiente e turismo
Os rexidores municipaisl destacaron o valor desta iniciativa, que permitirá a ambos concellos recuperar unha das zonas verdes máis valiosas da nosa contorna, preto a un dos espazos protexidos da comarca, como é o Estiario da Foz. Así mesmo, “as actuacións de sensibilización contribuirán a incrementar o interese da poboación local e visitante pola conservación e o respeto da natureza en xeral, e dos humidais en particular”, sinalou Valverde.
A execución desta iniciativa recapitalizará a oferta de turismo de natureza dos dous municipios miñoranos, “o que suporá un novo impulso a actividade turística da comarca”. Así mesmo, LIFE+ mellorará as comunicacións entre Nigrán e Gondomar a través dunha senda verde, para pasear ou facer deporte, ao carón dun espazo natural de gran beleza”, subliñou.
LIFE+
LIFE+ é o programa europeo máis ambicioso da UE, dotado cun presuposto de 278 millóns de euros, e que se encarga de cofinanciar proxectos de grande envergadura no contexto do medio ambiente en Europa en tres grandes apartados: natureza e biodiversidade; política e gobernanza medioambientais; e información e comunicación.