Nigrán conxelará as taxas e impostos para o próximo exercicio

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, avanzou na sesión plenaria celebrada hoxe a conxelación total de taxas e impostos para o próximo exercicio, a pesar do contemplado no Plan de Saneamento Económico asignado no mandato anterior, no que se establecen unhas variacións á alza dos tipos tributarios das taxas e prezos públicos entre 2012 e 2015.

Atendendo á difícil situación económica que se está atravesando, moi diferente á conxuntura na que se aprobou devandito plan de saneamento, o equipo de Valverde toma a decisión de non aplicar subidas en taxas e impostos, co firme obxectivo de non incrementar a presión fiscal sobre os veciños do municipio.

Neste sentido, Valverde lembra que esta medida dá continuidade á adoptada o ano pasado, na que só se acometeu a revisión do IPC á taxa de recollida de lixo, cando o Plan de Saneamento Económico contemplaba un incremento xeral nas taxas e impostos de entre un 4% e un 5% respecto de 2012.

SOGAMA
Doutra banda, o rexedor municipal avanzou que o incremento feito público por SOGAMA polo canon do tratamento unitario de residuos para o próximo ano, que supón un aumento sobre a factura actual -duns 520.000 euros- nuns 187.000 euros máis, será asumido polas arcas municipais pero sen repercutir nos petos dos veciños.

As dúas alternativas posibles para afrontar este incremento son aplicar un incremento sobre a taxa ou asumir a diferenza á alza con fondos propios municipais. Ante esta situación, Valverde anunciou que será o concello o que asumirá o incremento na factura de SOGAMA, pero sen que afecte á economía das familias de Nigrán.

Entre outras cuestións, isto é posible grazas á actualización do padrón de lixos, un labor realizado ao longo do presente exercicio polo goberno municipal. “A actualización do padrón de lixos permitiunos incrementar a recadación sen gravar aos veciños de Nigrán con maior presión fiscal, e permítenos afrontar este incremento na factura de SOGAMA sen prexuízo para os nigranenses”, explica o rexedor municipal. “O goberno municipal decide postergar a realización de obras e actuacións de melloras e asumir este incremento, pero que non sexan os veciños os que teñan que facer fronte a este cargo”, conclúe Valverde.