Nigrán será este fin de semana capital deportiva da comarca, ao congregar a máis dun milleiro de deportistas de diversas modalidades coa celebración de tres probas deportivas de judo, BTT e atletismo a nivel autonómico. Así o explicou o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, nunha rolda de prensa que contou tamén coa presenza da concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, o Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, Javier Sánchez, de Monteferro Bike Club, e Javier Figueroa, da Sociedade Atlética Valmiñor.
Na súa intervención, o rexedor municipal subliñou a afluencia de deportistas prevista para este fin de semana en Nigrán -máis de 1.000-, e presentou o tres competicións como unha ferramenta eficiente e eficaz para desestacionalizar o turismo. “Este fin de semana será unha oportunidade para gozar a contorna natural e patrimonial de Nigrán para todos os participantes e os seus acompañantes”, sinalou.
Así mesmo, agradeceu á Xunta de Galicia e ás entidades organizadoras e colaboradoras dos eventos, como a Comunidade de Montes de Monteferro, o importante labor que realizan, apoiando e promovendo a práctica do deporte e uns hábitos de vida saudables entre toda a cidadanía.
Judo para nenos
O sábado pola mañá, entre as 10.30 e as 13.30 horas, o Pavillón Municipal de Deportes de Panxón acollerá a segunda xornada da fase sur do Xogajudo na categoría benjamín, organizado pola Federación Galega de Judo coa colaboración da Xunta de Galicia e o concello. A proba congregará a unha vintena de clubs de Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela, con máis de 500 participantes entre as categorías masculina e feminina.
Entre os obxectivos deste campionato destaca iniciar aos nenos máis pequenos na competición deportiva a través do que se denomina “competición adaptada”, unha modalidade baseada en estimular e recoñecer o esforzo dos participantes, promover os valores do espírito deportivo e fomentar a práctica do deporte, neste caso o judo, entre os máis pequenos das casas.
BTT
O mesmo sábado, pero a partir das 16.00 horas, celebrarase a décima edición do Trofeo Concello de Nigran XC no circuíto de Monteferro, e contará con máis de 200 ciclistas na grella de saída procedentes de toda a comunidade galega e de distintos puntos de España e Portugal. A proba, puntuable para o Open de Galicia da especialidade, disputarase nas categorías de cadetes a veteranos 50, incluíndo a categoría reina elite/sub23.
A organización correrá a cargo de Monteferro Bike Club, co patrocinio do Concello de Nigran e a colaboración da Federación Galega de Ciclismo e a Comunidade de Montes de Monteferro.
Cros
O fin de semana deportivo en Nigrán pecharase o domingo tamén en Monteferro coa celebración do III Cros Bernardo Almuiña, organizado pola Sociedade Atlética Val Miñor e o Concello de Nigrán. As probas, abertas tanto a federados como non federados, comezarán ás 11.00 horas, coa categoría cadete, que terán que percorrer unha distancia de 3.000 metros. Seguiranlle os infantís (2.000 metros), alevíns (1.000 metros), benjamines (500 metros) e a categoría absoluta ás 12.00 horas, con percorrido de 6.000 metros. As categorías prebenjamines e pitufos (300 e 100 metros respectivamente), pecharán a terceira edición do cros, ao redor das 13.15 horas.
Presentación de disco
Xa no ámbito cultural, o grupo de gaitas e treboada “Airiños Novos de Pinzás” presentará este sábado o seu último traballo “O buraco dos mouros”. O grupo, nacido no seo da Asociación Veciñal e Cultural de Pinzás, dará a coñecer o seu último disco cunha actuación no Salón de Actos municipal a partir das 19.00 horas, cuxa entrada será libre e gratuíta. O disco foi gravado en 2013, e o seu nome responde o topónimo dunha das zonas do monte de Pinzás, na Serra dá Groba, onde os romanos extraían ouro hai máis de 1.900 anos.