A segunda edición de Nigrán Area congregou a máis de 3.000 persoas na praia de Panxón, unha cifra que ratifica o éxito dun dos eventos deportivos e de lecer do verán. O recinto reuniu ao longo dos meses de xullo e agosto numerosas competicións deportivas cun gran nivel de participación, entre as que figuran o atletismo, coa III Carreira pola Praia, o tenis, o vóley, o fútbol, o balonmán ou o foot-vóley, todas elas adaptadas á modalidade praia.
O tenis praia tivo en Nigrán a primeira parada do Campionato Galego, dentro dun circuíto de probas en distintos puntos da xeografía autonómica, traendo a Panxón a parellas destacadas que loitaron por lograr a clasificación para o Másteres final.
Tamén no vóley praia o areal de Panxón acolleu aos mellores deportistas do panorama galego. Ademais, como extra organizáronse no mesmo fin de semana os campionatos galegos nas categorías sub-19 e sub-21 e senior, ou os torneos Amateur Súper-80, para todas as idades e o 4×4.
O torneo Concello de Nigrán de Fútbol Praia reuniu a máis de 300 deportistas nunha das citas máis populares do calendario deportivo estival, que ademais contou coa presenza dos mellores equipos do panorama galego. O gañador, Vaia Falta Mari Carmen, é o vixente campión autonómico e habitual participante na fase final nacional.
Con todo, un dos grandes momentos do verán para Nigrán Area chegou a finais de xullo, coa chegada do Balonmán Praia e a celebración da última das probas do circuíto galego e a fase final, que coroou aos campións galegos desta modalidade deportiva, O Bunga, en categoría feminina, e PTV Hanstard, en masculina.
Outro dos pratos fortes de Nigrán Area foron os dous torneos de Foot-Vóley, ambos cun elevado índice de público para gozar de estrelas deste deporte e do deporte rei como Quique, Ramiro Amarelle ou Iomar do Nascimento, Mazinho, un campión do mundo con Brasil e ex céltico.
Lecer para todos
Ás citas deportivas súmanse os talleres e inchables infantís, así como as clases de aerobic matinais, que atraeron por centos de persoas de todas as idades como complemento á oferta de lecer habitual nos areais de Nigrán. “En total, estimamos que máis de 3.000 persoas gozaron nesta segunda edición de Nigrán Area, cifra que consolida o éxito deste evento e perfílase como un fixo na programación estival de Nigrán”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.