O recinto deportivo Nigrán Area, situado na praia de Panxón, prepárase xa para vivir un dos torneos deportivos importantes do verán galego, dentro do variado menú deportivo que ten preparado para a presente edición.
Este fin de semana acollerá unha proba do Campionato Galego de Vóley Praia, que ademais será puntuable para o campionato de España, na que participarán as mellores parellas de Galicia e de fóra da nosa comunidade autónoma.
Ademais da competición oficial, os adultos afeccionados ao deporte na praia poderán gozar do Campionato de Vóley Praia Súper 80 Amateurs, destinado a deportistas maiores de 35 anos. A norma é que entre os dous integrantes de cada parella deben sumar polo menos 80 anos.
Os máis novos terán tamén o seu espazo en Nigrán Area, coa celebración da segunda proba do Campionato Galego de Vóley Praia en catro categorías: sub 17 e sub 15, masculino e feminino en ambos os casos.
En suma, un gran fin de semana deportivo con alto nivel competitivo, un gran espectáculo deportivo e posibilidades para todos os públicos de seguir gozando do deporte e a praia en Nigrán Area.