Nigrán aproba uns presupostos municipais orientados ao gasto social

O pleno municipal aprobou hoxe os orzamentos municipais para este 2013, “uns orzamentos cuxa aprobación se postergou no tempo polas variacións nas normativas estatais nos criterios para elaboración e axustes realizados desde o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e non pola xestión do gobernó”, explicou na sesión plenaria o rexedor municipal.

Os orzamentos aprobados hoxe son, en palabras do rexedor municipal, austeros e realistas, adaptados á situación socioeconómica do país, e tamén ao pago de dúas sentenzas xustificadas no pago de intereses de demora, por realizar obra sen consignación orzamentaria e/ou non seguir os trámites administrativos precisos.

Orientados ao gasto social
Ante esta conxuntura, os orzamentos deste ano céntranse fundamentalmente na continuidade dos servizos prestados polo concello aos veciños e veciñas do municipio, cunha clara orientación ao gasto social –cunha achega total de 550.000 euros-, ao mantemento das infraestruturas de titularidade municipal, así como ao gasto en emprego, turismo, cultura e deporte.

As partidas de turismo, cultura e deporte sufriron un reaxuste tras o coñecemento das sentenzas. Con todo, o gasto social increméntase respecto ao ano anterior até chegar aos 550.000 euros e créase unha nova partida para a promoción do emprego de 35.000 euros, que se destinarán á creación dun plan de emprego para Nigrán.

Investimentos
O capítulo dedicado aos investimentos é se cabe un dos máis afectados os reaxustes. Con todo, o goberno municipal ha buscado outras vías de financiamento para realizar actuacións ao longo do presente ano, que á súa vez permitan xerar postos de traballo para os veciños de Nigrán.

Dun lado, o concello conta cos fondos retidos para investimento provenientes da compensación urbanística do parque empresarial Porto do Molle, co acondicionamento da Praza da Carrasca, a urbanización da Vía Porto do Molle, a finalización da urbanización da Rúa San Roque, en Camos, e a senda peonil do Río Muiños. Ademais, existen outras actuacións xa comprometidas por Zona Franca, como son a finalización e mellora das ligazóns ao parque empresarial e a reparación do muíño de Porto do Molle.

Doutro, as xestións realizadas por parte do goberno municipal coa Xunta de Galicia permitirán a creación dun Punto Limpo –cun investimento superior aos 300.000 euros-, a ampliación e mellora da ETAP de Condomínguez –máis dun millón de euros-, así como a mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga en distintos puntos do municipio.

Entre os investimentos abonados pola Deputación de Pontevedra figuran obras de saneamento, a reparación dos viarios na Ramallosa, o acondicionamento dos despachos para Servizos Sociais no consistorio e a mellora das instalacións nos parques infantís.

Ademais destes investimentos, deberá terse en conta a posibilidade de realizar outras actuacións co remanente de tesouraría positivo habido no exercicio orzamentario de 2012, tal e como se sinalou na última reunión celebrada entre a FEMP e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Contas saneadas
O nivel de endebedamento das arcas municipais, situado nun 27%, así como o incremento das achegas dos ingresos a conta do Estado, coa previsión de que crezan aínda máis nos próximos anos ao detectarse unha importante bolsa de residentes non empadroados, permiten afirmar ao rexedor municipal que, a día de hoxe, Nigrán ten unhas contas saneadas. Neste sentido, o rexedor municipal lembra que no ano 2008 o nivel de endebedamento do concello situábase en 68,31%.