Nigrán aproba iniciar os trámites para o acondicionamento e mellora do Torreiro de Parada

O pleno da corporación aprobou o inicio dos trámites para formalizar a cesión dos terreos do torreiro de Parada ao concello, unha iniciativa que contou co respaldo do concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, o grupo socialista e o BNG, pero non co do concelleiro de UCN, Antonio Fernández Comesaña, que se abstivo.

A proposta permitirá seguir co procedemento iniciado en 2010, ao recibir a conformidade do obsipado de Tui, para materializar a cesión dos terreos lindeiros ao torreiro de Parada, un paso previo fundamental para proceder con todas as garantías legais ao acondicionamento e mellora desta infraestrutura.

Adquisición de terreos en Porto do Molle
A corporación de Nigrán deu tamén luz verde á solicitude dun préstamo a longo prazo e sen intereses á Caixa de Anticipos da Deputación de Pontevedra, valorado en 344.000 euros, para a adquisición dunha parcela no parque empresarial para a instalación do almacén municipal en Porto do Molle.

Con esta iniciativa, apoiada polo grupo popular municipal, o grupo socialista, o BNG e o concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, pero tampouco co respaldo do portavoz de UCN, Nigrán dá o primeiro paso para a futura construción dun almacén municipal propio e en óptimas condicións, o que a longo prazo permitirá mellorar as condicións desta instalación municipal así como un aforro para as arcas municipais, ao eliminar o custo en concepto de aluguer da nave actual.

Rexeitamento unánime ao circo con animais
A moción do BNG sobre a celebración de circo con animais no termo municipal contou co respaldo de toda a corporación, que apoiou de forma unánime a prohibición dos circos con animais nos espazos públicos do municipio.