Nigrán adquire unha máquina hidrolimpadora de auga quente a presión

O Concello de Nigrán adquire, a través da súa concesionaria CESPA, unha máquina hidrolimpadora de auga quente a presión para beirarrúas e outros pavimentos. “O artefacto en cuestión é un equipo de fabricación alemá que limpa con auga a 250 bares de presión e a 70 graos centígrados, o que permite realizar unha óptima limpeza do pavimento”, explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.

O dispositivo emprega unha cúpula de fregado que un operario desliza manualmente, e sen salpicaduras –só obsérvase o vapor da auga ao redor do equipo-, “evitando desta forma calquera molestia aos viandantes e permitindo o seu uso en case calquera franxa horaria”, sinala Valverde. Ademais, á auga quente evita a utilización de produtos químicos, que non se necesitan para desengrasar, o que suma á súa lista de vantaxes un proceso de limpeza máis ecolóxico e respectuoso coa contorna.

O equipo empregarase para limpezas puntuais de tramos de beirarrúa moi sucios ou con risco para os peóns, “obtendo uns resultados espectaculares, xa que devolve aos pavimentos o seu estado inicial, á vez que contribúe a mellorar a imaxe do municipio”, conclúe.

Plan de investimento actualizado
A adquisición deste novo dispositivo enmárcase dentro do plan de investimentos para o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, aprobado na sesión plenaria de outubro de 2012. “A oferta presentada por CESPA en 2004 contemplaba un plan de investimentos a realizar en dúas fases, entre os anos 2005/2012 e 2013/2015”, lembra Valverde.

A realidade actual de Nigrán levou ao goberno municipal a esixir á concesionaria unha revisión da segunda fase do plan de investimentos previsto para o presente exercicio. “Esta revisión permitiu incrementar a proposta inicial en 300.000 euros, cun investimento total por parte da concesionaria de limpeza de 1,8 millóns de euros”, apunta o rexedor.

Neste sentido, Valverde subliña que investimento, cuxo obxectivo é mellorar a calidade do servizo de limpeza e recollida de lixos do municipio, será asumida ao 100% por CESPA, polo que non repercutirá nas arcas municipais.

Ao novo parque de maquinaria de limpeza, ao que se suma a hidrolimpadora a presión de auga quente, hai que engadir dez novos equipos multiusos para limpeza viaria, algúns para a limpeza de beirarrúas e superficies verticais, así como a instalación de colectores e papeleiras de polieruteno reciclado, minimizando o impacto ambiental pola diminución da pegada de carbono.