O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA O VENRES NAS ANGUSTIAS O ‘MIÑOR-SONS’ CON CONCERTOS DE GRUPOS DE GEORGIA, MALLORCA, SALAMANCA E O ANFITRIÓN ‘TRADISÓN’
Trátase da primeira edición deste festival comarcal que ten coma fin achegar as músicas tradicionais do mundo á mocidade, polo que tamén inclúe concertos en todos os institutos do Val Miñor
Participan ‘Quintet Urmuli’ (considerado o mellor grupo da antiga república soviética e que ven ex-profeso) e ‘Mayalde’, ‘Xeremiers de Sóller’ e o anfitrión ‘TradiSón’, tres dos mellores da península
Nigrán, 13.09.22.- O Concello de Nigrán abre este venres 16 de setembro ás 21:00 horas no terreiro das Angustias a primeira edición do festival internacional ‘Miñor Sons’, adicado a promover as músicas tradicionais do mundo en toda a comarca. Neste evento organizado entre a Mancomunidade do Val Miñor e o grupo anfitrión local ‘Tradisóns’ o gran prato forte será o grupo xeorxiano ‘Quintet Urmuli’, considerado unánimemente como o mellor da ex-república soviética no seu eido e que viaxa ex-profeso a España para este evento. Xunto a el estará presente ‘Mayalde’ (Salamanca) grupo familiar de recoñecido prestixio en todo a Península polo seu traballo de rescate, divulgación e popularización dos ritmos musicais que se transmiten de xeración en xeración por vía oral; o mallorquín Xeremiers de Sóller coas súas ‘xeremías’ (instrumento similar á gaita propio de Mallorca) e o anfitrión ‘TradiSón’, con sede en Gondomar e que festexa deste xeito o seu décimo aniversario. Dentro desta xornada festiva, desde ás 20:00 horas haberá animación de rúa desde o centro de Nigrán ao terreiro das Angustias a cargo do grupo ‘Malas Herbas’ e da ‘Treboada Os Terribles de Tomiño’.
Como parte do obxectivo didáctico do festival e de promoción da música de raíz entre a mocidade, os catro grupos desfilarán entre o venres 16 e o luns 19 por todos os institutos da comarca, sendo o turno do IES Proval o venres e do IES Val Miñor o luns.
O ‘MiñorSons’ continúa co mesmo cartel o sábado 17 en Gondomar (Praza da Paradela, 21:00 horas) e domingo 18 en Baiona (Praza do Concello, 19:00 horas), limitándose o luns 19 aos concertos didácticos nos centros educativos.
“Estamos moi orgullosos de abrir esta primeira edición con grupos de gran alto prestixio e nun lugar tan vinculado á tradición de Nigrán como é o terreiro das Angustias”, resume o alcalde e presidente da Mancomunidade, Juan González.