MES DA NATUREZA EN NIGRÁN

Volve o Mes da Natureza de Nigrán poñer en valor o patrimonio do municipio a través da arte e dinamizar o comercio local

O Concello lanza por quinto ano consecutivo unha programación con 15 actividades gratuítas co obxectivo de divulgar os seus espazos naturais e veciñais xunto a Teatro do Ar e SomosTerra

O certame literario Ollo con Nigrán repartirá máis de 1.500 euros en premios para gastar no comercio local

Nigrán volverá facer da súa natureza e comercios locais uns escenarios nos que poder gozar da cultura este mes de marzo nunha nova edición do Mes da Natureza, un proxecto que idearon Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra xunto ao Concello para axudar a divulgar o patrimonio natural e inmaterial do municipio e imaxinar como será Nigrán no futuro. Esta nova edición volve con 15 actividades gratuítas para pequenos e maiores co obxectivo de encher de cultura e sostibilidade os distintos espazos do municipio nunha edición centrada en poñer en valor a importancia dos pequenas xestos e dos movementos veciñais como elementos de cambio social e comunitario.

As actividades organizadas cara o público comezará o sábado 14 de marzo cunnha ruta teatralizada gratuíta na parroquia de Camos (a ubicación e a inscrición será publicada nas redes socias de Teatro do Ar e Cooperativa SomosTerra). Ese mesmo día, o cine municipal da Ramallosa acollerá unhas xornadas para visibiliar como o movemento social e veciñal poden cambiar as sociedades. O evento comezará 17.00 horas cuns obradoiros de educación sostible que rematarán explorando a expresión artística como ferramenta de denuncia, logo, ás 19.00 horas, dúas nais fundadoras da Asociación Érguete, o movemento que naceu nos anos 80 para loitar contra os narcotraficantes e protexer aos seus fillos e fillas, contarán a súa experiencia e, por último, ás 20.10 proxectarase o documento “A rebelión da lectura”, que conta a historia do Espazo Lectura de Gondomar.

O domingo 15 de marzo, a horta urbana da Ramallosa acollerá unha xincana para que os máis pequenos e pequenas disfruten e aprendan neste espazo público xogando e cun pouco de teatro. A outra xincana será o vindeiro 29 de marzo na horta urbana do parque público Vázquez Grela de Nigrán.

O sábado 28 de marzo será a entrega de premios do certamen Ollo con Nigrán, un concurso que destaca as mellores miradas videoliterarias a natureza do municipio. Na edición deste ano repartíranse máis de 1.500 euros en premios para gastar nos comercios locais inscritos. A inscrición aínda está aberta para participar e tamén para os comercios locais que se queiran apuntar.

O Mes da Natureza tamén chegará aos colexios e institutos públicos de Nigrán. Os alumnos de sexto de primaria e 1º da ESO recibirán un obradoiro de educación ambiental e teatral totalmente gratuito ao longo de todo o mes.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destaca que este evento “é unha forma lúdica e educativa de presumir do noso gran patrimonio material e inmaterial, ao tempo que axudamos ao noso comercio local e a proxectos do noso municipio como son Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra”.