Máxima expectación en Nigrán co Torneo de Fútbol Praia

O recinto de deporte na praia Nigrán Area, situado na praia de Panxón, prepárase para vivir un dos seus momentos máis destacados o próximo fin de semana, coa celebración do II Torneo Concello de Nigrán de Fútbol Praia. Trátase dunha das citas máis multitudinarias do verán, tanto pola gran cantidade de participantes como pola afluencia de público, que se despraza até Nigrán Area para seguir o desenvolvemento do torneo ao longo de todo o fin de semana.

O torneo ten asegurada unha participación de máis de 200 deportistas con varios equipos da zona e outros provenientes, sobre todo, de distintas zonas das provincias de Pontevedra e Ourense, algúns de alto nivel acreditado. Por exemplo, o campión galego das últimas dúas tempadas, “Vaia Falta Mari Carmen”, non faltará á cita xunto a outros protagonistas dos últimos certames autonómicos como Talesport, Mambo Dermeyes, Telmo Perruqueiros ou Pneumáticos JL.

O torneo organizarase ao redor dunha primeira fase de grupos na que se irán definindo as cruces da seguinte fase até chegar á gran final, que se celebrará o domingo pola tarde, ao redor das 19.00 horas. A categoría é única para maiores de 16 anos e a inscrición no torneo garante un mínimo de dous partidos por equipo. Para máis información e inscrición no torneo pódese acceder á web www.verandeportivo.com.