Volve o Mes da Natura para desfrutar do patrimonio a través do teatro e a divulgación
O Concello lanza por terceiro ano consecutivo unha programación con 17 actividades gratuitas co obxectivo de divulgar o seu patrimonio natural xunto a Teatro do Ar e SomosTerra
Nas pasadas edición máis de dous milleiros de persoas participaron activamente nas rutas teatralizadas, xornadas de emprendemento e obradoiros de horta e teatro
Nigrán volverá facer da súa natureza e comercios locais uns escenarios nos que poder gozar da cultura este mes de marzo nunha nova edición do Mes da Natureza, un proxecto que idearon Teatro do Ar e a Cooperativa Somos Terra xunto ao Concello para axudar a divulgar o patrimonio natural e inmaterial do municipio e imaxinar como será Nigrán no futuro. Esta nova edición volve con 17 actividades gratuítas para pequenos e maiores co obxectivo de encher de cultura e sostibilidade os distintos espazos do municipio.
As dúas edicións que se organizaron foron un “éxito” para o alcalde de Nigrán, Juan González, que destaca que veciñanza participou de maneira activa e acudiron as actividades máis de dous milleiro de persoas. Por iso, explica, que “este ano volvemos apostar por un proxecto que está en continúa mellora, trae cousas novas, apoia ao noso comercio local e que está organizado por dous colectivos de mozos de Nigrán como son Teatro do Ar e SomosTerra”.
As actividades comezarán o martes 4 de marzo cunha xincana de entroido na horta urbana da Ramallosa e continuarán o domingo 9 de marzo con pintacaras sobre o 8-M e o mundo do circo na Praza da Biblioteca desde as 17:30 horas (ás 19:00 terá lugar a actuación de ‘Circo na casa’).
Feira da natureza de Nigrán
Este ano volve a Feira da Natureza de Nigrán. Celebrárase o sábado 22 de marzo de 11.00 a 14.00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán e está organizada para que artistas, artesáns e emprendedoras do municipio poidan mostrar o seu traballo en 12 expositores. As persoas interesadas en participar poderán incribirse neste formulario de contacto. A asignación de prazas será por orde de inscrición. Durante a feira tamén se organizarán sobre o escenario charlas e obradoiros.
Ruta teatralizada no Parque Forestal dos Matos Río Táboas e en Priegue
Volven as rutas teatralizadas, un dos grandes éxitos das edicións anteriores, pero con novas ideas e novos lugares, xa que a idea de Teatro e SomosTerra é de chegar aos máximos lugares de Nigrán posibles. A primeira será o domingo 16 de marzo ás 11.00 horas no Parque Forestal dos Matos Río Táboas e en Priegue. Estará centrada en lendas e haberá un pequeno xogo de orientación e adiviñanzas. As prazas son limitadas e o formulario de inscrición xa está aberto.
A seguinte será o sábado 29 de marzo ás 11.30 horas en Priege. Está estará baseada en lendas e personaxes populares de Nigrán. As inscricións xa se poden facer no seguinte formulario. As prazas tamén son limitadas.
Concurso de vídeo e estrea de “Stop paragüeiros”
O domingo 16 de marzo ás 19.00 horas será a entrega de premios do certame “Ollo con Nigrán”, un concurso de vídeo e fotografía onde se difunde a natureza do concello con 1.300 euros en premios destinados a incentivar as compras de proximidade no comercio local. O ano pasado pasado participaron máis de cincuenta persoas en 35 vídeos, cifras que se esperan superar este ano. A inscrición aínda está aberta para participar e tamén para os comercios locais que se queiran apuntar.
O domingo 31 de marzo ás 19.00 horas Teatro do Ar estreará a súa nova obra “Stop Paragüeiros” no Auditorio Municipal, unha comedia que fala de temas de actualidade como a migración e a acollida.
Obradoiros nos colexios e nas hortas municipais
O mes da Natureza tamén chegará aos colexios e institutos públicos de Nigrán. Os alumnos de sexto de primaria e 1º da ESO recibirán un obradoiro de educación ambiental e teatral totalmente gratuito. Logo, o martes 4 na horta municipal da Ramallosa e o domingo 23 na horta do parque Vázquez Grela ás 11.30 h haberá unha xincana para todos os públicos. A primeira estará baseada no Entroido e a segunda no traballo na horta. Tamén se contactará con distintas agrupacións que traballan con colectivos en risco de exclusión para que as súas persoas usuarias participen.