O Concello de Nigrán pecha o cartel dos Concertos de Verán con dous cantantes de renome como Manolo Escobar e Natalia, que xunto a Seguridade Social, David Civera e Astarot completan as actuacións previstas para os próximos días 23 e 24 de agosto. A estes músicos sumaranse as dun grupo de versións dos anos 80 e un magnífico espectáculo musical de Broadway.
“Os Concertos de Verán de Nigrán pon a guinda de ouro a axenda cultural, deportiva e de lecer estival máis completa e variada dos últimos 20 anos”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde, “a pesar dos tempos difíciles que estamos a vivir, nos que é fundamental unha xestión responsable e eficiente”, agrega.
O escenario montarase na chaira de Praia América os días 23 e 24 de agosto, e o acceso ao mesmo será libre e gratuíto. Seguridade Social e Astarot darán o pistoletazo de saída ao fin de semana musical en Nigrán, a partir das 23.00 horas, e terán unha duración aproximada de tres horas. A Gran Gala Musical do sábado comezará tamén ás 23.00 horas, e contará coas actuacións de Manolo Escobar, David Civera, Natalia e os seus bailaríns, un espectáculo musical de Broadway e un grupo de versións dos anos 80.
“En total, sete horas de concertos ao aire libre para despedir o mes de agosto, que poderán gozar de forma gratuíta tanto locais como visitantes, e con custe cero para as arcas municipais”, sinala Valverde. Os artistas farán un repaso á súa carreira musical e aos seus grandes éxitos, pero tamén sorprenderán ao público con temas inéditos.