Nigrán inaugurou hoxe o primeiro campus de fútbol bilingüe, unha das novidades dos campus deportivos deste verán, coa participación de máis de 30 nenos e nenas. Até a data, máis dun centenar de menores participaron na oferta de campus deportivos deseñada polo goberno municipal, “o que supón un éxito de participación”, sinala a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.
Neste sentido, Silva lembra que os campus se celebran de forma semanal, polo que as inscricións para os campus de tenis, piragüismo, fútbol ou multideporte –estes dous últimos bilingües-, aínda están abertas.
En total, nesta terceira edición dos campus deportivos de verán, iniciativa posta en marcha no verán de 2012 polo goberno municipal, o concello ofertará máis de 500 prazas para nenos e nenas de entre 4 e 18 anos de idade, repartidas en oito campus deportivos que se impartirán de forma ininterrompida até o próximo 30 de agosto, ampliando unha semana máis a oferta de campus respecto ao verán de 2013, co fin de conciliar a vida laboral e familiar, así como promover a práctica do deporte como un estilo de vida, especialmente entre os máis pequenos.
Os prezos oscilan entre os 45 e os 75 euros, dependendo a modalidade deportiva e da vinculación do alumno co club organizador. Neste sentido, contémplanse prezos especiais para aqueles nenos que participan en tres ou máis campus, máis concretamente, un desconto de 10 euros por campus, así como prezos especiais por familia numerosa en determinados campus.
As persoas interesadas en participar deberán contactar coa oficina de turismo Dunas de Gaifar, en Panxón, no teléfono 986 36 87 34, ou a través do correo electrónico oficinaturismo@nigran.org.
Cursos de tenis
Como complemento a esta oferta deportiva, o goberno municipal pon a disposición de veciños e visitantes os cursos de verán de tenis, cuxo prazo de inscrición para o mes de agosto permanece aberto. Os cursos impartiranse tres días por semana –luns, mércores e venres ou martes, xoves e venres- en até catro horarios diferentes cunha duración de 45 minutos por clase -10.00, 10.45, 11.00 e12.15 h.- nas instalacións deportivas municipais Dunas de Gaifar.
As clases, dirixidas a nenos de entre 4 e 16 anos, comezarán o 1 de xullo e o 4 de agosto. Para máis información ou inscricións, os interesados deberán dirixirse á Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón, no 986 368 734 ou no correo electrónico oficinaturismo@nigran.org.