Máis dun centenar de alumnos do IES Val Miñor realizan unha xornada de limpeza de praias

Máis de 120 alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO do IES Val Miñor realizaron unha actividade de educación medio ambiental baixo a lema de “Coidemos a praia”, cunha xornada de limpeza das praias de Panxón e Praia América, que contou coa colaboración do Concello de Nigrán e a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo CESPA.

Os profesores de Bioloxía e Xeoloxía do centro dividiron o areal en seis seccións, nas que por grupos de traballo os alumnos foron recollendo e catalogando os residuos recolleitos, “destacándose unha redución de recollida de vidro respecto da rexistrada en anos anteriores”, sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Vidal Meneses.

Co conxunto dos datos obtidos hoxe, os alumnos realizarán en clase un informe de avaliación sobre o estado medio ambiental da praia, que se presentará o próximo 5 de xuño nun acto organizado polo concello e o IES Val Miñor para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente.

O concelleiro de Medio Ambiente felicitou ao centro por esta iniciativa educativa, que se realiza desde fai xa nove anos, “dirixida a concienciar aos alumnos deste centro na importancia de coidar e protexer o medio ambiente, e en especial as nosas praias, un dos patrimonios naturais máis ricos do noso municipio”, subliñou.