Máis de 250 persoas acuden á segunda edición dos Premios Nigrán

O Salón de Actos municipal albergou na tarde de hoxe a segunda edición dos Premios Nigrán, que nesta ocasión congregou a máis de 250 veciños e veciñas do municipio e autoridades, entre as que destacou a presenza do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a deputada provincial, Marta Iglesias, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, e a delegada da Zona Franca en Vigo, Teresa Pedrosa, ademais do equipo de goberno e outros membros da corporación municipal.

Na súa intervención, o rexedor municipal, Alberto Valverde, subliñou o valor deste acto, un recoñecemento á historia, traxectoria e achega de particulares, colectivos, empresas e institucións a Nigrán. “Os Premios Nigrán son un recoñecemento a moitos veciños deste municipio, ao seu esforzo, o seu traballo e a súa perseveranza, pero deben ser tamén fonte de inspiración para saír adiante e crecer, especialmente nos tempos que estamos a vivir”, engadiu.

Os galardoados
Cipriano Jiménez, director da Fundación Menela, recibiu o premio ao mérito social polo labor que desde hai 20 anos realiza o seu centro Castro Navas (Priegue), dando resposta activa e efectiva ás necesidades específicas das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA). “Castro Navas traballa día a día para potenciar o desenvolvemento das capacidades persoais e para favorecer a inclusión social e laboral das persoas con TEA, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.

O mérito cultural recaeu este ano sobre a Sociedade Cultural e Deportiva Birlos dá Carrasca, representada polo seu Presidente, Álvaro Costas, pola súa achega á actividade cultural do municipio, desenvolvendo desde os anos 80 unha tarefa continua de promoción, difusión e defensa da cultura tradicional galega, un labor inestimable que fai posible que este patrimonio viva nas xeracións do presente, e do futuro.

Os máis de 100 anos de historia, así como a súa achega na formación e educativa e humana de miles de persoas da comarca, fixeron das Escolas Proval o candidato máis válido para recibir o Premio Nigrán 2013 ao mérito educativo, recibido pola súa directora, Isabel Sonsoles Costa. Este centro naceu no ano 1909 como escola pioneira, grazas á contribución dos emigrantes, xestionada a través da Unión Hispanoamericana do Val Miñor, que trouxeron con eles técnicas educativas innovadoras, seguindo os criterios e os ensinos aprendidos en Arxentina, mostra do estreito vínculo entre os dous lados do océano.

O presidente do Racing de Vilariño, Raúl Souto, recolleu o Premio Nigrán 2013 ao mérito deportivo. Con máis de 50 anos de vida, o maior éxito deste club consiste en que, ademais de formar deportivamente a miles de nenos e nenas da comarca, incorpora ao seu quefacer diario unha educación social e humana, un sentimento de pertenza a unha comunidade, a un equipo, a unha forma de ser.

O mérito empresarial foi para Anxo Méndez e o seu oficio, con máis de 40 anos de vida, a Zapatería A Rápida. Un negocio que grazas ao esforzo e perseveranza do seu dono mantén vivo o espírito orixinario dun oficio tan tradicional e secular como o de zapateiro, nuns tempos nos que a tecnificación substitúe en moitas ocasións o traballo artesán e manual.

Tan só dez anos despois da súa fundación, Marine Instruments consolidouse no sector pesqueiro e naval como primeiro fabricante de bollas satélite a nivel internacional; unha meteórica proxección baseada no rigor tecnolóxico, a constante innovación e uns ríxidos controis de calidade para todos os seus produtos. Estes argumentos, e moitos outros detrás, ameritaron a esta empresa para recibir, en mans do seu Director Xeral, Francisco Piñeiro, o Premio Nigrán 2013 á innovación, nun ano no que estrea ademais novas instalacións no parque empresarial Porto do Molle.

Homenaxe ao voluntariado
O colectivo de voluntarios que, nalgún momento da súa vida e da historia deste municipio, colaboraron co Concello de Nigrán tiveron na velada de hoxe o seu momento de gloria. A proxección dun vídeo mostrou os valores que rexen aos voluntarios deste municipio, “un traballo desinteresado, dirixido a producir unha melloría na vida doutros”.

Con este acto, o goberno municipal rende homenaxe a seis mulleres e un home que, de forma altruísta, colaboran co concello para axudar a mellorar a calidade de vida de moitos veciños e veciñas, organizando e despachando no roupeiro municipal ou dando clases de reforzo educativo e informática a maiores, achegándoos ás novas tecnoloxías. “Un labor imprescindible, especialmente nos tempos de dificultades que estamos a vivir”, concluíu.