O Salón de Actos municipal acolleu na mañá de hoxe o primeiro dos actos programados pola Fundación Menela para conmemorar a sétima edición do Día Mundial da Concienciación do Autismo (DMCA), organizado pola Fundación Menela en colaboración co Concello de Nigrán.
En total, máis de 200 persoas da Fundación Menela, do Centro Juan María, de Avelaíña, do Centro de Día para Maiores do Val Miñor, da APAMP de Vigo, familiares e monitores déronse cita nas instalacións municipais baixo a lema deste ano do DMCA, “Autismo e traballo, xuntos é posible”.
Neste marco, o Centro Castro Navás protagonizou a xornada de hoxe, nun acto que se prolongou durante algo máis dunha hora e que contou coa proxección de tres curtametraxes de animación baixo a lema “Os sextos sentidos”, lecer sen barreiras, dirixidos a promover unha accesibilidade universal, así como coa actuación de orquestra Castro Navás, composta por rapaces do centro de Priegue.
Tras a lectura do Manifesto elaborado por Autismo Europa a cargo de Adrián Márquez, do Centro Castro Navás, as autoridades agradeceron a afluencia masiva a este primeiro acto do DMCA 2014, “que constata o compromiso e sensibilización da sociedade coas persoas con Trastornos de Espectro Autista”, sinalou o rexedor municipal.
Valverde aproveitou a ocasión para reiterar como alcalde de Nigrán e como deputado provincial, o seu total apoio e o das institucións que representa ao Centro Castro, á Fundación Menela, a todos os centros representados hoxe en Nigrán, así como aos familiares, monitores e persoal dos mesmos, “cuxa labor e achega na vida destas persoas é fundamental”.
Para finalizar o acto, os asistentes reuníronse ás portas do Salón de Actos municipal para a solta de 50 globos da cor azul, a cor internacional do autismo, momento que se inmortalizou cunha gran foto de familia.