O concelleiro de Vías e Obras, Servizos Urbanos e Relacións cos Veciños, José Álvarez, fixo pública nunha rolda de prensa a súa decisión de entregar de forma voluntaria a acta de concelleira do Concello de Nigrán, tras coñecer a decisión do alcalde de prescindir del como concelleiro, “unha decisión que asumo con responsabilidade e respecto”, apuntou Álvarez Valverde na súa declaración.
“Despois de máis de trinta anos ao servizo de Nigrán, tanto no ámbito cultural, social, deportivo, veciñal como político, tomei esta decisión por coherencia coa miña traxectoria, pola tranquilidade da miña familia, os meus compañeiros e polos veciños de Nigrán, así como por ética política, non porque me senta culpable”, explicou.
Nas súas declaracións, o concelleiro manifestou estar convencido da súa inocencia, “e tentarei demostralo por todos os medios ao meu alcance, sempre prestando a miña total colaboración coa Xustiza, e estar afastado da vida política é a decisión máis adecuada para o meu defensa”, puntualizou.
Por último, quixo aproveitar a ocasión para aclarar que unicamente está imputado por un suposto delito de tráfico de influencias, “polo que solicito que rectifiquedes a información publicada días atrás na que se me atribuían supostos delitos de suborno e prevaricación”, concluíu. Para demostralo, ofreceu aos xornalistas presentes a posibilidade de ler de primeira man o contido dos autos que constatan a veracidade da devandita afirmación.