O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE A TRAVÉS DE ‘GAIN OVER’ SENDOS CURSOS GRATUÍTOS DE BATERÍA E GUITARRA PARA CRIANZAS NO MES DE XULLO
Están dirixidos únicamente a empadroados no municipio de entre 8 e 14 anos sen coñecementos previos. O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de Xuño desenvolvéndose o curso de batería do 4 ao 8 de xullo e o de guitarra do 18 ao 22 de xullo
Nigrán, 27/06/22.- O Concello de Nigrán, coa colaboración da academia de música do municipio Gain Over, por vez primeira ofrece no mes de xullo sendos cursos de batería (do 4 ao 8 de xullo) e de guitarra (do 18 ao 22 de xullo) totalmente gratuítos e dirixidos a crianzas empadroadas de entre 8 e 14 anos e sen necesidade de coñecementos previos. O prazo de inscrición aos mesmos está aberto ata o día 30 de Xuño (ou ben ata esgotarse cadansúas 16 prazas) a través dun formulario na web www.nigran.es.
Os dous cursos desenvolveranse no Auditorio Municipal de Nigrán ambos divididos en grupos de 8 persoas en horarios de 10:00 a 12:00 e de 12:00 a 14:00. O obxectivo é que, en calquera caso, aprendan o preciso para comezar a tocar en grupo, así, inclúe formación teórica pero, sobre todo, práctica.
“Parecíanos interesante engadir estas dúas actividades culturais á oferta de ocio para nenos e nenas do Concello de Nigrán, igual que ofrecemos campus deportivos agora incorporamos á música”, indica o alcalde, Juan González.