Inscrición obradoiro ‘Camino Portugués da Costa’

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

O CONCELLO DE NIGRÁN ACOLLE ESTE VENRES A PRESENTACIÓN DO LIBRO INFANTIL ‘CAMINO PORTUGUÉS DA COSTA’ CUN OBRADOIRO PREVIO PARA CRIANZAS

O exemplar consiste en ‘Buscar e atopar’ ao apostolo no debuxo de cada parada do Camiño. No obradoiro os pequenos pintarán en acuarela a ilustración que corresponde a Nigrán

Para participar no obradoiro é preciso realizar inscrición previa a través dun formulario web en www.nigran.es. As prazas están limitadas a 15

Nigrán, 22/03/22.- O Concello de Nigrán acolle este venres 25 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a presentación do libro infantil de Hércules de Edicións ‘Camino portugués da Costa’ coa presenza dos seus autores. O libro de ‘busca e atopa’ convida aos lectores a descubrir as distintas paradas deste roteiro xacobeo, desde Porto a Santiago de Compostela pasando por Nigrán. A presentación, con entrada de balde ata completar aforo, incluirá un obradoiro previo (de 19:00 a 19:45 horas) dirixida a crianzas a partir de 8 anos e no que pintarán con acuarela a ilustración do libro correspondente a Nigrán (para participar nesta actividade é preciso inscribirse previamente a través dun formulario web en www.nigran.es)

A publicación, creada por Ramón Quintás, natural de Gondomar, e Noelia Muiños, de Ponte Caldelas (ambos estarán presentes no acto) propón aos máis pequenos e pequenas atopar ao apóstolo en cada unha das trece ilustracións cheas de detalle das diferentes localidades: Porto, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago de Compostela.

Dispoñible en galego, castelán e inglés, inclúe unha breve descrición e datos curiosos da poboación á que acompaña: así, por exemplo, poderán descubrir que José María Eça de Queirós naceu en Póvoa de Varzim; que o trobador Mendiño procede da Illa de San Simón, en Redondela, ou que o papagaio Ravachol é o protagonista de Entroido Pontevedrés.

Os autores

Ramón Quintás e Noelia Muiños son os artífices de Papelier, unha tenda estudo de deseño e ilustración con sede en Baiona. Ambos contan con formación en Comunicación, Belas Artes e Pedagoxía e, tras colaborar con numerosas empresas, estudos, deseñadores e artistas para dar vida a proxectos privados e corporativos, decidiron crear a súa propia marca.

Sobre Hércules de Edicións

Hércules de Edicións naceu en 1985 co obxectivo de impulsar a cultura galega a través de grandes obras de divulgación fundamentadas no rigor e a calidade. Actualmente, da man da súa editora Laura Rodríguez Herrera, a editorial coruñesa independente emprendeu novos retos tanto en Galicia como en resto de España apostando pola publicación de obras de actualidade en permanente diálogo con outras culturas, por achegar novelas que triunfaron noutros países á nosa lingua, así como pola literatura infantil e xuvenil, sempre con coidadísimas edicións. O feminismo, a diversidade e a divulgación cultural son algúns dos aspectos que destacan no seu catálogo, a través da Colección Púrpura e Nuevas Lecturas de Hércules.