INSCRICIÓN AQUÍ (O FORMULARIO QUEDA PECHADO AO ACADARSE AS 500 PRAZAS DE LÍMITE OU NO SEU DEFECTO O VENRES 3 ÁS 14:00 HORAS)
O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO NO CAMPO DE FÚTBOL DE LOURIDO A ACTUACIÓN DO PRESTIXIOSO TENOR JOSÉ MANUEL ZAPATA CO SEU ESPECTÁCULO ‘MÚSICA PARA LA VIDA’
O aclamado tenor granadino fará unha viaxe musical polas cancións que o teñen acompañado ao longo da súa vida, con temas que van desde ‘La Donna e Mobile de Verdi’ a outros de Gardel, Caruso…
A actuación terá lugar no campo de fútbol de Lourido cun aforo reducido a 500 persoas que deben inscribirse previamente a través da web www.nigran.org. Ao finalizar asinará exemplares do seu último libro
O Concello de Nigrán pechará a súa programación especial de verán co actuación estelar do tenor José Manuel Zapata (Granada, 1973) o sábado 4 de setembro ás 21:00 horas no campo de fútbol de Lourido. O prazo de inscrición xa está aberto a través dun formulario na web municipal www.nigran.org pechándose o venres 3 de setembro ás 14:00 horas ou ben cando se acaden as 500 prazas ofrecidas.
O prestixioso cantante, divulgador e escritor presenta un espectáculo no que repasará as melodías que o teñen acompañado ao longo da súa vida non só como primeiro tenor de ópera. Así, acompañado por Claudio Constantini ao piano e ao bandoneón, Zapata introducirá, presentará e interpretará temas de Verdi como ‘La Donna e mobile’, ou cancións popularizadas por Caruso como ‘Torna a Surriento’ e tangos de Gardel como ‘Volver’, ‘Por una cabeza’ ou Nostalgias. A maiores, ao finalizar, asinará exemplares do seu último libro ‘Música para la vida’ (o mesmo nome que o espectáculo).
“É unha oportunidade que ningún amante da música, en xeral, se debería perder porque se trata dun tenor de renome internacional, que ten actuado nos mellores escenarios do mundo, e que destaca tamén polo seu didactismo nos seus espectáculos”, explica a mezzosoprano e edil de Cultura, Nuria Lorenzo, quen pon énfase tamén na marabillosa localización do concerto, aos pés de Lourido e Praia América.
Biografía
José Manuel Zapata realizou estudos de canto en Madrid con Toñy Rosado Casas e con Ana Luisa Choia no Conservatorio Superior de Música de Valencia. Debutou en 2002 en Il turco in Italia de Rossini no Teatro Campoamor de Oviedo, baixo a dirección de Alberto Zedda. Unha rápida traxectoria levoulle a actuar no Metropolitan Opera House de Nova York, o Gran Teatre do Liceu de Barcelona, o Rossini Opera Festival de Pésaro, a Deutsche Oper de Berlín, a Semperoper de Dresden, o Teatro Real de Madrid e coliseos de Parma, Palermo, París e Viena antes de cambiar o rumbo da súa carreira orientándoa ao mundo da radio e a divulgación, sen deixar os teatros de ópera pero asumindo papeis de carácter.