Inscrición charla dano cerebral

INSCRICIÓN PREMENDO AQUÍ

O Concello de NIGRÁN e FEGADACE colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla

A traballadora social da Federación falará no concello pontevedrés o venres 29 de outubro.

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Nigrán pola man da colaboración entre o concello pontevedrés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello de Nigrán: a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, ALENTO.

A charla vai ter lugar o día 29 de outubro ás 17:00 e toda persoa que estea interesada en asistir pode inscribirse na páxina web do concello, www.nigran.es.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Nigrán e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

***

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Xuntas representan a case 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.