INSCRICIÓN CHARLA CÉSAR BONA: ‘CONECTANDO’

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECERÁ O XOVES UNHA CHARLA DE CÉSAR BONA, CONSIDERADO UN DOS MELLORES 50 MESTRES DO MUNDO

A iniciativa da ANPA do IES Val Miñor, pola mañá impartirá neste centro educativo unha charla dirixida aos estudantes.

Para asistir é preciso inscribirse previamente nun formulario web en www.nigran.es

Todo que imaxinamos, todo o que vemos, empeza na educación, e ao final, xa sexa neste ou en calquera outro ámbito da vida, esa é a clave: conectar”, defende

Nigrán, 08/02/24.- O Concello de Nigrán ofrecerá este xoves 14 de marzo unha charla aberta ao público (con inscrición previa) de César Bona, mestre zaragozano considerado un dos mellores 50 profesores do mundo. Baixo o título ‘Conectando’, esta terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio Municipal sendo preciso inscribirse previamente a través dun formulario web en www.nigran.es ata completar o aforo de 170 persoas. A iniciativa de traer a Nigrán a este reputado profesional da ensinanza foi proposta pola Anpa do IES Val Miñor, motivo polo que o mesmo día pola mañá César Bona ofrecerá unha charla dirixida directamente a este estudantado.

“Os principios educativos de César Bona son os que defendemos desde este goberno, estamos totalmente en sintonía, así que cando desde a Anpa do IES Val Miñor nos pediron axuda para traelo ao seu centro non o dubidamos e, desde o Concello, nos pareceu oportuno que, a maiores, pola tarde ofrecese unha charla aberta a todo tipo de público interesado, sexan familias, estudantes ou docentes”, explica Estela Pérez, concelleira de Educación.

A charla da tarde leva por título ‘Conectando’. Hai un estudo que di que na nosa vida coñecemos a unha media de 3000 persoas. “Imaxinade que puidésemos aprender un pouco de cada persoa que nos atopamos. Unha definición sinxela de educación podería ser as ferramentas que temos ou que deberiamos ter para relacionarnos con nos mesmos, cos demais ou co mundo no que vivimos. Todo que imaxinamos, todo o que vemos, empeza na educación, e ao final, xa sexa nesta ou en calquera outro ámbito da vida, esa é a clave: conectar. A educación é un investimento a longo prazo, porque o que facemos con nenos e nenas no presente ten unha resposta no futuro. Pero o mañá, en educación, comeza hoxe.”, defende.

Biografía

Nacido en Zaragoza no 1972, Bona é Licenciado en Filoloxía Inglesa e Diplomado en Maxisterio. Formou parte do Xurado dos Premios Princesa de Asturias, na categoría de Comunicación e Humanidades, en 2017, 2018 e 2019.

“As portas das escolas han de estar abertas, non só para que entren os nenos e as nenas senón para que as súas ideas saian e transformen o mundo”. Pensamentos como este son os que lle levaron ao Congreso Mundial polos Dereitos da Infancia, no XXV Aniversario da Convención dos Dereitos da Infancia en México e en 2018 tamén participou no Congreso Mundial en Málaga. Polos seus múltiples proxectos vinculados á participación infantil recibiu o Premio Magister de Honra pola Plataforma da Escola Pública, o Premio Crearte do Ministerio de Cultura en dúas ocasións polo seu estímulo da creatividade, así como tamén a Cruz José de Calasanz, máxima distinción na educación aragonesa ou o Premio Medio Ambiente Aragón 2013. Ademais, obtivo a Mención de Honra no International Children Film Festival of India, pola película de cinema mudo “The importance of being an Applewhite” que fixo para unir a dúas familias que non se falaban. E tras os seus 16 anos de traxectoria, foi nomeado como un dos 50 mellores mestres do mundo segundo o Global Teacher Prize (2015). Entre os seus libros destacan ‘La nueva educación’ (2015), ‘Las escuelas que cambian o mundo’ (2016), ‘La emoción de aprender’ (2018), ‘Humanizar la educación’ (2021), libros que agora serven de referencia en moitas universidades. O seu último libro é ‘Educación sostenible’ (2023). Ademais, para crianzas escribiu unha adaptación de ‘El Quijote’ (2017), ‘El asombroso mundo de Bernardo’ (2018) e ‘Derechos y Deberes de la Infancia’ (2019). A escoita, a empatía, o respecto ás diferenzas, a participación de nenos, nenas e adolescentes na sociedade e a educación para a convivencia son os piares que defende. Considera esencial o compromiso social e coa natureza como parte da educación integral do ser humano