Informe sobre a revisión da taxa do lixo

O rexedor municipal, Alberto Valverde, traslada o contido do informe elaborado pola empresa responsable da actualización do padrón, en relación á taxa pola recollida de lixo.

Con motivo da entrada en vigor da ordenanza de lixo de 2013 realizouse unha revisión do padrón municipal, co obxecto de adecuar todos os inmobles afectados e geolocalizarlos no arquivo. Con este traballo revisáronse as superficies e os usos, no caso dos locais comerciais, tratando de evitar desta forma agravios comparativos entre os que están a tributar correctamente.

Neste sentido, a actualización do padrón permitiu incorporar 947 novas altas, que até a revisión do mesmo non tributaban. Á súa vez, a revisión do padrón permitiu a modificación de 1.242 rexistros que tributaban incorrectamente, ben porque non estaban dados de alta correctamente ou ben por ter mal asignado o epígrafe, e déronse 165 baixas con respecto ao padrón de 2012.

En total, emitíronse 11.346 recibos, 947 altas grazas á revisión do padrón, 1.242 que sufriron algunha modificación e 9.157 que foron emitidas correctamente.

CADRO RESUMO
Total recibos emitidos: 11.346
Altas novas: 947
Modificados: 1.242
Emisión correcta: 9.157

Dentro destes 9.157 que tributaban correctamente, hai 302 locais comerciais que non sofren ningunha modificación, nin de superficie nin de concepto de actividade, polo que só se trasladou os seus epígrafes aos equivalentes de 2014, e o seu resultado é a aplicación da mesma tarifa, cun incremento medio dun 3,5%, consecuencia da aplicación do Plan de Saneamento Económico aprobado en 2009 polo anterior goberno municipal.

Entre os 1.242 que teñen modificación nas tarifas, soamente 249 sofren algunha modificación nos epígrafes, ben por superficie ou por que a actividade estaba asignada de forma incorrecta. Destes 249 inmobles, hai 38 que por aplicarlles ben os seus epígrafes, as novas cotas a pagar son menores que as de 2012, con reducións sobre a taxa que oscilan entre un 10% e un 75%.

Dos 211 locais comerciais restantes, si existe unha subida de cota ao aplicar correctamente a nova ordenanza, pero un incremento producido en maior medida pola aplicación correcta dos epígrafes en concordancia coa actividade comercial desenvolvida, e non pola aplicación da mesma. Máis concretamente, destes 211 locais, 151 rexistran subidas como consecuencia da correcta aplicación do epígrafe e 60 pola aplicación do Plan de Saneamento Económico aprobado polo goberno anterior.

O alcalde informa que contactará un a un con estes 151 afectados para analizar cada caso de forma individualizada, e detectar se os houbese erros que puidesen ser emendados. Así mesmo, lembra aos interesados que poden porse en contacto por esta cuestión a través do Facebook, do correo electrónico secretariap@nigran.org ou no teléfono 986 38 3930.